DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A décima andaina universitaria deste curso celebrarase o 7 de abril

O Parque Natural de Corrubedo será o próximo destino das rutas culturais

Os participantes terán a oportunidade de coñecer a duna móbil máis grande de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 02/04/2018

Será unha andaina de dificultade baixa e case 18 quilómetros de percorrido coa que os roteiros universitario afastaranse nesta ocasión da montaña e das zonas interiores para comezar, aproveitando a primavera, a coñecer diferentes enclaves da costa galega.

Mar, dunas e monte

Os participantes procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo realizarán un itinerario circular que comezará e rematará en Corrubedo e que fará paradas no faro desta localidade, en Teira e Olveira e na duna móbil deste enclave. Tamén haberá ao inicio da ruta unha visita guiada ao centro de interpretación deste parque natural para coñecer as súas principais características antes de comezar a percorrelo. “Será unha ruta moi bonita e moi variada, xa que ademais das dunas e da praia camiñaremos polo monte da contorna”, sinala José García-Calvo, Willy, coordinador desde o campus de Ourense das rutas culturais universitarias. A andaina terá ademais o aliciente de ser a primeira vez que os roteiros culturais universitarios se acheguen a este lugar.

O Parque Natural de Corrubedo, o máis visitado de Galicia segundo Turgalicia, está situado entre as rías de Arousa e a de Muros e Noia, ocupando preto de mil hectáreas e tendo como atractivo principal a súa duna móbil, que ten máis dun quilómetro de longo, uns 250 metros de ancho e uns 20 metros de altura. O parque está formado polas dunas, a praia de Corrubedo e as lagoas de Vixán, de auga doce, e a de Carregal, de auga salgada, acollendo arredor de 3000 aves acuáticas. Por estes atractivos desde a organización das rutas culturais animan aos membros da comunidade universitaria e aos cidadáns interesados “a esquecerse do medo a que faga mal tempo” e a animarse a coller as botas de camiñar.

Inscrición aberta

Como en cada roteiro a inscrición nesta andaina pode facerse on line desde 15 días antes da súa celebración e ata o xoves anterior. O prezo dunha ruta individual é de 12 euros para os membros da comunidade universitaria e 18 para as persoas alleas a ela, existindo ademais diferentes bonos. Concederanse 7,5 horas ECTS por cada ruta dun día de duración e 15 horas pola de dous días de duración. Os participantes contarán con autobuses que os trasladarán ao inicio de cada ruta desde os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Unha vez máis desde a organización destacan a importancia de que os participantes nesta andaina leven o equipamento axeitado á climatoloxía e tendo en conta que, debido ás choivas acumuladas, o terreo vai estar moi húmido.