DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo explicou, nun relatorio impartido hoxe, o investigador da UAB Jordi Jané-Lligé 

A participación de culturas minoritarias en feiras do libro favorece a súa internacionalización

Como demostra a situación de Cataluña, invitada de honra na Feira do Libro de Frankfurt en 2007

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Rebeca López Villar DUVI 10/06/2021

A Feira do Libro de Frankfurt, o maior evento mundial deste tipo, centrou a conferencia impartida este xoves polo tradutor e profesor da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) Jordi Jané-Lligé, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo. No seu relatorio, organizado polo grupo de investigación BiFeGa-Bitraga da UVigo e o proxecto CULTURFIL da Universidade de Santiago de Compostela, Jané-Lligé analizou os procesos de internacionalización da literatura catalá derivados das feiras internacionais do libro en xeral e da de Frankfurt en particular. 

O evento alemán conta cada ano cun invitado de honra, que pode ser un país ou unha comunidade lingüística concreta, como é o caso desta edición da literatura española, que xa fora protagonista en 1991. Jané-Lligé tratou no seu relatorio deste xoves a presenza de Cataluña na feira de 2007 e explicou cal foi o seu impacto e cal é a situación internacional da cultura catalá na actualidade. Paralelamente, o investigador falou sobre as políticas que leva a cabo o Institut Ramon Llull para difundir a literatura e a cultura catalás e para impulsar o traballo de autoras e autores de todas as épocas, centrándose no caso de Joan Sales e María Barbal, dous escritores contemporáneos que contan cunha traxectoria recoñecida. 

Malia a polémica, Frankfurt 2007 mellorou a imaxe cultural internacional de Cataluña

Analizando a presenza de Cataluña nesta feira, Jané-Lligé sinalou o éxito derivado da mesma e fixo fincapé nos dous piares que favoreceron estes resultados positivos: o sector editorial e a representación institucional. Neste senso, o investigador destacou o contexto político do momento, que facilitou a colaboración entre órganos diversos e impulsou unha importante dotación económica. 

Así mesmo, Jordi Jané-Lligé aludiu a unha serie de polémicas xurdidas arredor da participación de Cataluña nesta feira do libro alemá. O debate entre escritores, críticos literarios e público centrouse nos autores presentados, entre os que non había cataláns que escribisen en español, cuestión que, segundo o profesor da UAB, “quedou compensada coa participación de música e obras de teatro tanto en catalán como en castelán”. 

O relator concluíu que, a pesar destas controversias, desde Frankfurt 2007 os indicadores da internacionalización da cultura catalá evolucionaron positivamente: aumentou a súa presenza no exterior, incrementouse o volume de traducións, hai máis proxección de autores de Cataluña e creceu o interese polos programas do Institut Ramon Llull. Porén, Jané-Lligé tamén subliñou o que considera unha situación contraditoria na que cre que haberá que afondar nos próximos tempos: a proxección dunha realidade de normalidade cultural que non se corresponde coa realidade interna da cultura e da lingua catalá.