DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns entra en vigor unha instrución de Xerencia pola que se adoptan medidas excepcionais

O PAS poderá alternar o traballo en réxime presencial e non presencial

Dada a evolución da crise sanitaria e co fin de reducir os riscos de contaxio entre o persoal

Etiquetas
  • PAS
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
M. Del Río DUVI 09/11/2020

Tras a adopción de medidas extraordinarias como limitacións de mobilidade ou o peche das actividades non esenciais en boa parte de Galicia, recollidas na orde da Consellería de Sanidade do 4 de novembro (DOG nº 223-bis), a UVigo tamén decidiu aprobar novas directrices de carácter organizativo. As novidades recóllense nunha instrución de Xerencia que entra en vigor hoxe luns e permite adaptar a prestación de servizos do PAS á evolución da crise sanitaria ocasionada pola covid-19, coa finalidade de reducir os riscos de contaxio. A principal medida que se adopta é a posibilidade de alternancia de realización do traballo en réxime presencial e non presencial nos casos en que sexa factible e sempre que queden cubertas as necesidades do servizo.

Este é un paso máis tras a instrución da xerencia do 11 de setembro, na que se recollían medidas no concernente ao persoal de administración e servizos especialmente vulnerable ao SARS-Cov-2. Pero como se recolle no texto, “nas circunstancias actuais, tendo en conta os acordos adoptados na reunión do 4 de novembro de 2020 polo comité de asesoramento sobre a covid-19, resulta aconsellable promover novas iniciativas de carácter preventivo”. 

Un mínimo do 50% do persoal deberá traballar presencialmente 

De acordo con esta nova instrución de Xerencia, o PAS da Universidade de Vigo poderá, sempre que sexa posible e de xeito voluntario, alternar o desenvolvemento do seu traballo nas modalidades de prestación presencial e non presencial”, sempre respectando certos condicionantes. Serán as persoas responsables de cada servizo, área ou unidade as que deberán organizar as quendas entre o persoal ao seu cargo para realizar o traballo de xeito presencial ou non presencial, comunicando á Xerencia semanalmente esta organización. Deberase garantir unha prestación de servizos en réxime presencial dun mínimo do 50% dos efectivos do total da unidade, cómputo no que non se terá en conta ao persoal que xa ten autorizada a prestación de servizos de xeito non presencial pola situación de vulnerabilidade.

As quendas realizaranse en función das necesidades do servizo, tratando de ordenalas de xeito que todo o persoal afectado vaia rotando entre traballo presencial e non presencial e procurando a coincidencia das mesmas persoas na prestación do servizo en réxime presencial. En todo caso, o réxime non presencial por parte do PAS en ningún caso pode exceder do 50% da xornada ordinaria de traballo en cómputo quincenal e as persoas que se adhiran a esta modalidade deberán dispor dos medios telemáticos e das conexións mínimas precisas para realizar o traballo sen diminución da produtividade e obxectivos esixibles en réxime presencial. Así mesmo, deberá dispor dos medios adecuados para a atención telefónica e por correo electrónico dentro da xornada ordinaria de traballo. 

Exclusividade de traballo de xeito presencial 

A instrución que entra en vigor este luns tamén establece que non pode acollerse ao traballo en réxime non presencial o PAS que conte cun despacho ou oficina individual, así como as persoas responsables de servizos, áreas ou unidades e o persoal que, pola natureza dos servizos a prestar, non poida realizar as súas funcións de xeito non presencial. 

A organización das quendas será comunidade polos responsables dos servizos cada semana á Xerencia. A vixencia da instrución esténdese ata o 31 de decembro de 2020, sen prexuízo dos cambios que poidan producirse en virtude do que establezan as autoridades competentes ou da súa prórroga en función da evolución das circunstancias derivadas da emerxencia sanitaria.