DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dun curso que se levará a cabo en liña entre o 1 e o 30 de setembro

O PAS poderá potenciar as súas habilidades na elaboración de documentos dixitais

Achegará ferramentas, trucos e boas prácticas ás persoas participantes

Etiquetas
  • PAS
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
DUVI 13/07/2021

Descubrir os beneficios dos atallos do teclado ou a utilidade dunha boa colocación das ferramentas e ventás nos procesadores de texto. Eses son dous dos obxectivos do curso complementario que a Universidade de Vigo destina a aqueles membros do persoal de administración e servizos (PAS) que elaboran documentos de texto no seu traballo diario.

Co propósito de aumentar a produtividade e mellorar as habilidades informáticas do persoal, a UVigo, en colaboración do Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións de Xestión Universitaria (CIXUG), convoca unha formación virtual de 20 horas que terá lugar ao longo do mes de setembro. Unha vez rematado o obradoiro, todas as persoas matriculadas que superen unha serie de probas de aptitude terán dereito ao certificado acreditativo da actividade. 

Catro núcleos temáticos

Baixo o título de Trucos e boas prácticas na elaboración de documentos dixitais, o enxeñeiro informático Óscar Fernández Carballo, membro do CIXUG, coordinará unhas sesións de traballo centradas en achegar conceptos básicos, perfeccionar a creación dixital de documentos enriquecidos, afianzar a configuración de LibreOffice e coñecer as extensións deste programa.

Primeiramente, as persoas matriculadas no curso coñecerán os atallos de teclado máis comúns e a colocación eficiente de ventás, aprenderán a obter recursos libres, diferenciarán os programas libres e non libres e estudarán as licenzas Creative Commons. No segundo bloque, o PAS afondará na elaboración de documentos enriquecidos mediante a análise de estilos e o proceso de formatar, no uso de tipografías e fontes libres e nos modos de exportar arquivos PDF de calidade. Nesta mesma fase descubrirán trucos e boas costumes, como a navegación rápida polos documentos, a construción de índices automáticos, a numeración de capítulos, a edición colaborativa ou a sinatura dixital. Os últimos puntos do programa están dedicados á configuración e personalización de LibreOffice e á xestión das extensións. 

As persoas interesadas poden inscribirse a través da plataforma Bubela ata o 20 de agosto.