DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un traballo do “Grupo de Voluntarios/as 8 de Marzo”

A Pasionaria e Rosalía de Castro, as mulleres de referencia para os alumnos do campus

Máis dun cento de persoas participaron na iniciativa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Ana Terceiro DUVI 09/04/2008

Como resultado da iniciativa Mulleres que fan Historia que o Grupo de Voluntarios/as 8 de Marzo organizou con motivo da celebración do Día da Muller Traballadora, a Pasionaria e Rosalía de Castro foron elixidas como os dous personaxes femininos máis relevantes para os alumnos do campus. O reto que levaron a cabo estes estudantes consistía en consultar aos membros da comunidade universitaria sobre o nome de algunha muller que eles consideraran que destacara por algún feito concreto. O estudo realizouse a través do reparto de tarxetas por todo o campus que debían ser depositadas nas caixas de correos instaladas a tal efecto nos centros académicos. Máis dun cento de persoas participaron na iniciativa e os votos amosaron un empate técnico entre Dolores Ibarruri, coñecida como a Pasionaria, e a escritora Rosalía de Castro. Segundo comentou a responsable da Oficina de Voluntariado e Integración, Herminia Dios Poceiro, “hai que salientar o gran número de nomes que apareceron nas tarxetas, dende a científica Marie Curie, pasando por Teresa de Calcuta e Lady Di, ata chegar á artista Frida Kahlo”.
Complementando esta actividade e para darlle máis difusión, os organizadores colocaron un mural na entrada da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para que os transeúntes o cubrisen coas mulleres máis destacadas da sociedade. O cartel encheuse no mesmo día que foi colgado e, tal e como explicou Herminia Dios, “nel atopamos dúas tendencias fundamentais: unhas con máis repercusión histórica e outras que reflectían a influencia dos medios de comunicación e personaxes da farándula”. Para darlle un enfoque máis rigoroso ao proxecto, colgouse un segundo mural que supoñía un maior reto, de xeito que se estableceron categorías profesionais como publicista, arquitecta, matemática ou filósofa. “Este tardou un pouco máis en cubrirse pero estamos moi satisfeitos cos resultados acadados e coa participación de toda a comunidade universitaria”, subliñou Herminia Dios.

O "Grupo de Voluntarios/as 8 de marzo"

Sensibles ante o tema da violencia de xénero, da discriminación e en contra de todos aqueles aspectos que poñan á muller nun lugar inferior ao home, o Grupo de Voluntarios/as 8 de Marzo está preparando constantemente actividades dirixidas a aportar ao seu grao de area en favor de concienciar á cidadanía, e máis concretamente aos universitarios, de que é preciso dar un pulo á igualdade na sociedade actual. Isabel Ávalos Ayats, Rebeca Santiago Cobo, Raquel Leirós Rodríguez, Silvia González Amoedo, Diego Arranz Fernández e Noelia López Prego, son os alumnos de distintas titulacións do campus que integran o grupo e están coordinados pola Oficina de Voluntariado e Integración do campus de Pontevedra.