DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O pavillón universitario acollerá este xoves o Trofeo Eugenio Monge de Tenis de Mesa

Os equipos de tenis da Universidade entran nas fases de ascenso do Campionato Galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 15/04/2008
O pavillón universitario acollerá o vindeiro 17 de abril a celebración do Trofeo Eugenio Monge, organizado polo Servizo de Deportes en colaboración coa sección de Tenis de Mesa. A participación neste campionato de ping-pong é gratuíta e está aberta a todos os membros da comunidade universitaria, alumnos, PDI e PAS, que acrediten esta condición.
No tocante ao comité de competición, unha única xuíza, Begoña Fuentes, responsable da sección de Tenis de Mesa do Servizo de Deportes, será a encargada de tomar as decisións cando sexa preciso.
O vencedores nas categorías masculina e feminina clasificaranse para o Campionato de España, sempre e cando cumpran os requisitos de participación xeral. Entre os criterios de selección para representar á Universidade no torneo a nivel nacional atópase o de estar en posesión de licenza federativa en categoría nacional na tempada 2007/2008 e ter acadado un posto entre os oito primeiros na clasificación final da súa categoría no Campionato Galego, xa sexa na edición do 2006 ou de 2007.

Os equipos de tenis da Universidade entran nas fases de ascenso do Campionato Galego

Tras unha xornada con resultados desiguais, os tres equipos de tenis da Universidade, que xa están competindo no Campionato Galego, teñen asegurada a participación nas correspondentes segundas fases nos grupos de ascenso.
Así, mentres que o equipo feminino “B” venceu a domicilio ao C.T. Punta Salera por 3-1, o masculino “B” tivo que suspender o seu partido nas instalacións do C.T. Cambados polas condicións climatolóxicas, de xeito que queda pendente de saber se a súa clasificación para a fase de ascenso será como primeiro ou segundo do grupo.
Por último, o equipo masculino “A” clasificase como primeiro de grupo pese á derrota nas canchas do URECA de Vigo por 4-3.