Ata o 31 de outubro ou ata que se esgoten os fondos dispoñibles no Plan Microcreds
PDI e empresas xa poden acceder á convocatoria de financiamento para impartir microcredenciais universitarias
O persoal docente e investigador (PDI) da UVigo, así como empresas, entidades e asociacións poden solicitar ata o vindeiro 31 de outubro as axudas para financiar a produción e impartición de microcredencias universitarias, formacións de curta duración, focalizadas na adquisición de coñecementos habilidades ou competencias específicas, que teñen o obxectivo de recualificar e mellorar a empregabilidade de traballadores e traballadoras de entre 25 a 64 anos.
Esta mesma semana, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, lembraba a recente sinatura do convenio que permitirá á institución académica viguesa recibir máis de un millón de euros para bonificar as 26 accións formativas que se impartirán e a emisión de preto de 1550 microcredencias, con temáticas abertas a todos os ámbitos do coñecemento. Ata finais de outubro, ou ata que se esgoten os fondos dispoñibles no Plan Microcreds, tanto o PDI interesado en coordinar un curso, como as empresas ou entidades que queiran solicitar unha formación, poderán presentar as súas solicitudes, que serán consideradas pola Comisión de Calidade e de Estudos do Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo.
Solicitudes do PDI
As formacións serán coordinadas en todos os casos por persoal docente e investigador da UVigo, que para realizar a súa solicitude de financiamento deberá contar cunha declaración de interese por parte dunha empresa, asociación e entidade. Caso de non existir esta declaración, a microcredencial podería tramitarse pero non obtería financiamento.
En canto ás temáticas sobre as que o PDI pode realizar as súas propostas “están abertas a todos os ámbitos de coñecemento, porque o obxectivo final é a recualificación dos e das traballadoras, que unha vez que rematen con avaliación positiva cada microcredencial, obterán unha certificación dixital que se incorporará ao seu cartafol de Europass, válido para toda a Unión Europea”, detalla o vicerreitor de Titulacións e Innovación Educativa, Alfonso Lago.
As propostas de microcredencias realizadas polo PDI non computarán no Plan de Organización Docente (POD) e aínda que o profesorado pode ser externo á UVigo, compre que o 25% da docencia sexa impartida por docentes propios.
Cando a iniciativa parte das empresas
Pola súa banda, as entidades e empresas que queiran mellorar a capacitación do seu persoal deberán cubrir unha declaración de interese e o Centro de Posgrao e Formación Permanente da UVigo encargarase de buscar un coordinador ou coordinadora dentro do profesorado da institución, que realizará a solicitude formal da proposta de microcredencial.
Caso que a entidade ou empresa solicitante non cubrise todas as prazas ofertadas, ao ser unha formación aberta, completaríanse con persoas alleas.
Futuro alumnado
As e os traballadores que poderán cursar estas formacións, que comezarán a impartirse nos meses de abril ou maio de 2026, non precisan ter unha titulación universitaria, senón unicamente cumprir os requisitos de acceso a cada microcredencial e a adecuación aos seus contidos. O persoal dunha empresa ou entidade pode falar cos seus responsables para que declare o seu interese na creación dunha formación.
O 25% do alumnado terá bolsas, de xeito que a matrícula pode ser gratuíta, ou ter un custo inferior, un prezo que estará subvencionado nun 70% e será como máximo de 94 euros por crédito ECTS. Así, o custo para o alumnado sería duns 24,5 euros por crédito, “aínda que poden recibir unha bolsa de acordo con criterios de necesidade económica e social ou a través doutras subvencións compatibles con este plan”, explica Lago.
Por outra banda, as universidades comprométense a que unha parte da oferta se orientará a colectivos de persoas vulnerables socialmente e necesidades formativas específicas, en colaboración con entidades sociais ou con administracións competentes en materia de acción social e, ou migracións.
