DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deseñáronse actividades formativas nas que participaron arredor de 400 persoas

Péchase en Vigo o proxecto europeo Up2You dirixido a reforzar vínculos entre universidades e sociedade civil

Integrado por socios de 6 países, aposta por unha educación máis conectada co territorio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HR
  • Internacional
  • Académica
DUVI 04/07/2025

Esta semana pechouse en Vigo o proxecto europeo Up2You,  unha iniciativa financiada polo programa Erasmus+ con 400.000 euros e coordinada pola Universidade de Vigo que durante dous anos buscou reforzar os vínculos entre as institucións de educación superior e as organizacións da sociedade civil, apostando por unha educación máis conectada co territorio, inclusiva e orientada ao desenvolvemento sostible.

A xuntanza levouse a cabo no edificio Redeiras e nela partiparon representantes dun consorcio no que participaron sete entidades de España, Francia, Italia, Turquía, Macedonia do Norte e Chipre, baixo o liderado do profesor da Uvigo Tony Crespo Franco, quen exerceu un labor clave  para o desenvolvemento das actividades e a consolidación dos resultados.

Minicursos, Living Labs…

Entre estes resultados, destacouse o lanzamento de minicursos formativos deseñados para reforzar tanto as competencias profesionais, como as habilidades clave para o emprego e a cidadanía activa. Así mesmo, puxéronse en marcha os denominados Living Communities Labs, espazos de traballo onde actores diversos (estudantado, docentes, organizacións sociais e administracións) puideron detectar necesidades reais da contorna e deseñar propostas de solución conxuntas.

A maiores elaborouse un Cadro de Mando Comunitario (CBS) desenvolvido de forma participativa nun hackathon internacional celebrado en Chipre, que permite avaliar o progreso cara aos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) en catro áreas clave: social, educativa, económica e medioambiental.

Segundo explicaron desde a organización todas estas actividades supuxeron a implicación directa de arredor de 400 participantes.

Novas actividades a partir de setembro

No caso da Universidade de Vigo, os Living Labs permitiron identificar como reto prioritario o desaxuste entre a oferta formativa e as demandas do mercado laboral. A partir desta diagnose, desenvolvéronse itinerarios formativos que se porán en práctica durante o vindeiro curso académico en diferentes actividades impulsadas polo grupo de investigación Organización do Coñecemento, coa intención de seguir reforzando a conexión entre formación, empregabilidade e necesidades sociais reais.