DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A RAGC recoñece as achegas do catedrático da UVigo no campo das Ciencias Técnicas

Pedro Arias, medalla Isidro Parga Pondal da Real Academia Galega de Ciencias

Santiago Lago, recentemente incorporado á USC, premiado en Ciencias Económicas e Sociais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Premios
  • Investigación
DUVI 02/10/2024

“Recibir a Medalla de Investigación en Ciencias Técnicas é un privilexio e supón un recoñecemento por parte da RAGC, polo que estou moi agradecido”. Así valora Pedro Arias Sánchez (Lugo,1965), catedrático de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo e investigador do Cintecx, a súa elección por parte da sección de Ciencias Técnicas da Real Academia Galega de Ciencias para recibir a medalla Isidro Parga Pondal, coa que se recoñece o seu labor no campo das Ciencias Técnicas. 

Xunto a Pedro Arias, a RAGC tamén premia, neste caso coa medalla Domingo García Sabell en Ciencias Económicas e Sociais, ao catedrático de Economía Aplicada Santiago Lago Peñas, incorporado este curso á Universidade de Santiago de Compostela, logo que o Consello de Goberno da UVigo celebrado o pasado mes de maio acordase aprobar a súa solicitude de comisión de servizos. O investigador do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, con sede en Vigo, Antonio Figueras Huerta; o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC Alberto Bugarín Diz e o catedrático Diego Peña Gil, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC completan a relación de galardoados na sexta edición das Medallas de Investigación da RAGC, coas que se valoran as traxectorias singulares e consolidadas en investigación, desenvoltas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas, para tratar de difundir entre a sociedade o aprecio polos valores científicos. 

As medallas serán entregadas no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, o 8 de outubro no Paraninfo da USC.

Un premio compartido para un brillante labor investigador

Pedro Arias considera que o galardón que lle outorga a RACG no campo das Ciencias Técnicas “non só recoñece os meus esforzos, senón tamén o apoio da miña familia e a dedicación do meu equipo e de todas as persoas que me teñen apoiado o longo deste camiño”.

Coa medalla Isidro Parga Pondal a Real Academia Galega de Ciencias destaca o brillante labor do investigador principal do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx da UVigo, ao afondar nos aspectos científicos que presentan as xeotecnoloxías, en particular a xeointelixencia, campo que combina as técnicas e ferramentas relacionadas coa intelixencia artificial coa información xeoespacial. A RAGC tamén valorou que o catedrático da UVigo aplica métodos e solucións en tempo real, enfocados á toma de decisións fronte a problemas de relevancia no ámbito social, empresarial e tecnolóxico relacionados coa elaboración de cartografías, xeolocalización e xestión de xeodatos masivos

Oito galardóns con selo vigués no últimos anos

O recoñecemento a Pedro Arias chega este ano 2024 despois das medallas que a RAGC outorgou nos últimos anos a investigadoras e investigadores da UVigo. En 2023 os galardoados foron David Posada, catedrático do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía investigador de Cinbio coa medalla Ángeles Alvariño e Fernando Obelleiro, catedrático de Teoría do Sinal e Comunicación e investigador de atlanTTic, que recibiu a medalla Isidro Parga Pondal.

No ano 2022 os recoñecementos foron para dúas investigadoras: Ángeles Sanromán, catedrática de Enxeñaría Química e actual directora do Cintecx, que recibiu a medalla Isidro Parga Pondal e Isabel Pastoriza, investigadora do Cinbio profesora titular no Departamento de Química Física a quen se lle outorgou a medalla Antonio Casares Rodríguez. En 2021 o catedrático e investigador de Ecobas Carlos Hervés Beloso recibía a medalla Domingo García- Sabell, da sección de Ciencias Económicas, mentres que en 2020 os galardóns recaeron en Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa. Simal, responsable do Grupo de Investigacións Agro- Ambientais e Alimentarias e investigador do Cispac, recibía o galardón da sección de Química e Xeoloxía, mentres que na sección de Ciencias Técnicas, a medalla Isidro Parga Pondal  foi para o tamén catedrático, investigador de Cintecx e coordinador do Grupo Encomat, Xosé Ramón Nóvoa. 

Pola súa banda, o catedrático de Economía e actual director adxunto de Ecobas, Xavier Labandeira recibía en 2019 a medalla Domingo García-Sabell outorgada pola sección de Ciencias Económicas e Sociais.