DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O laboratorio de enerxías xiloxeradas da EE Forestal colaborou co CTAG nun proxecto europeo

Pellets de toxo de baixa densidade para levar a biomasa á automoción

O obxectivo era xerar produtos que puidesen mesturarse con plásticos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 29/05/2018

Aumentar os niveis de eficiencia na utilización dos recursos forestais a través, entre outros, da busca de novas aplicacións para estes materiais é un dos obxectivos do proxecto Biotecfor, Bionegocios e tecnoloxía para a valorización eficiente dos recursos forestais endóxenos no norte de Portugal e Galicia, que lidera a Asociación Forestal de Portugal, Foresti, co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG), como un dos seus socios. Nese obxectivo dun proxecto financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa Interreg VA-España-Portugal 2014-2020 enmárcase o propósito do CTAG de empregar produtos forestais como a biomasa na elaboración de compoñentes interiores para vehículos, un campo de traballo no que este centro contou coa colaboración do laboratorio de enerxías xiloxeradas da Escola de Enxeñaría Forestal, que traballou na conversión de restos de toxo en pellets ou briquetas coa densidade apropiada para que puidesen servir para a súa combinación con diferentes polímeros sintéticos.

“O problema que tentamos resolver consistía basicamente en que non é sinxelo mesturar estes materiais orgánicos con materiais plásticos, porque as características que teñen son moi diferentes, sobre todo polas granulometrías”, sinala o catedrático Luis Ortiz respecto da encomenda que recibiron do CTAG, que pasaba por tratar de xerar, a partires do toxo, pellets e briquetas dunha densidade inferior á habitual. Así, unha vez pulverizados de novo, estes produtos forestais serían susceptibles de ser usados na maquinaria empregada no sector da automoción para a inxección de plásticos, “que normalmente ten uns cabezais moi específicos e moi limitantes en canto ao uso de produtos moi distintos, como son os polímeros e a biomasa”, explica Ortiz. 

Materiais densificados de baixa densidade

Os pellets e as briquetas son produtos densificados xeralmente utilizados como combustible para a produción de enerxía e caracterízanse pola súa “alta densidade, que permite aumentar o seu poder calorífico e volumétrico”, como explica Ortiz. Mais neste proxecto, buscábase precisamente o contrario xerar “produtos densificados con densidades relativamente baixas”, o que lograron empregando diferentes niveis de “presión e temperatura e diferentes graos de humidade”, cos que puideron obter unha serie de produtos “de diferentes formatos”, que, en lugar da densidade habitual, “que nos pellets que utilizamos como combustible sitúase entre os 800 e os 1000 quilos por metro cúbico”, atopábase desta volta entre os 300 e os 400 quilos por metro cúbico.

Deste xeito, os restos de toxo, que non podían empregarse nos inxectores de forma directa unha vez triturados, contarían, trala súa conversión nestes produtos e unha vez triturados de novo “cunha densidade e unha granulometría máis parecida ao dos plásticos”, explica Ortiz. Non obstante, o seu potencial na fabricación de produtos plásticos para automóbiles é aínda un traballo aberto para o CTAG no marco deste proxecto internacional, que promove sinerxías entre a produción forestal e os organismos de investigación tecnolóxica e no que tamén está programada a análise das posibles aplicacións nestes procesos de piñeiro e eucalipto. “Mesturar restos biomásicos con plásticos permite dar un valor engadido aos bioplásticos xerados e, por outra parte, isto permite revalorizar restos biomásicos forestais”, conclúe Ortiz dunha liña de traballo que “aumentaría as posibilidades de fabricación de novos materiais construtivos nun sectores produtos máis importantes de Galicia”.

Diferentes colaboracións co sector empresarial

O estudo realizado para o CTAG súmase por outra banda á liña de traballo que o laboratorio de enerxías xiloxeradas mantén con diferentes empresas vinculadas ao sector forestal, no que se enmarcan tamén estudos realizados recentemente para Ence, como o que levou a este laboratorio a preparar unha serie de “microlascas” de seis tipos de madeira para estudar posibles extractos químicos ou a análise dos valores de humidade de 27 mostras de tocos, as bases das árbores previamente talladas. Colaboración presente tamén no eido docente, como amosan as visitas que, xunto con Ortiz, o alumnado realizou recentemente a empresas como Hitraf ou Grúas Guerra, en Vila de Cruces, ou á planta de Sogama en Cerceda.