DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gabriel Jaime Andujar, alumno de 3º de Historia coa Síndrome de Asperger:

"O peor foi non coñecer a ninguén, pero agora xa teño amigos"

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Marta Casanova DUVI 28/05/2008
“A carreira lévoa sen problema e a miña época histórica favorita é a contemporánea” explica Gabriel, que a continuación puntualiza que "a medieval e a moderna se me dan algo peor, son os ósos desta carreira”. Sobre o seu futuro afirma que " quero ser bibliotecario, porque me gustan os libros e sobre todo, ordenar cousas. Senón tamén me chaman a atención as escavacións”.
Estas reflexións dun estudante de Historia pouco o nada terían de especial se o seu autor non fose Gabriel Jaime Andújar, un mozo que naceu hai 21 anos coa Síndrome de Asperger, un trastorno xeralizado no desenvolvemento que afecta sobre todo á interacción social e á aprendizaxe. Pese ás dificultades que iso lle supón no seu día a día, pode presumir de ser unha das poucas persoas afectadas en España que está a cursar unha carreira e con bos resultados, ata o punto que xa ten superada máis da metade da licenciatura e neste momento prepara os temidos exames finais como todos os seus compañeiros.
Pero a súa andaina universitaria é unha historia de esforzo e superación ben diferente á dos demais. Tras facer selectividade “e aprobala”, matiza Gabriel, os seus pais escolleron a titulación despois de que os orientadores do instituto no que cursou o bacharelato lles recomendaran optar pola rama de Humanidades. Ao chegar ao campus tivo a gran sorte de que Manuel Ojea, coordinador do equipo de educación específico que leva todos os centros non universitarios de Ourense e especialista en autismo e Asperger da provincia, estaba a traballar como profesor asociado na Facultade de Ciencias de Educación. Ojea coñecía a Gabriel dende neno e fixera o seu seguimento dende o colexio. Tras preparar con el o selectivo, realizou o traballo de coordinación coa Facultade de Historia para pór en marcha un grupo de apoio para o rapaz, composto por bolseiros e voluntarios subvencionados pola Universidade de Vigo en concepto de atención á diversidade.
“A integración na Universidade non é cuestión de querer polo que cómpre fomentar o apoio ás persoas con necesidades específicas e promover unha actitude favorable ao respecto” explica Ojea. Se o entorno non sabe como responder “estes rapaces están condenados ao fracaso. A Universidade ten que recoller alumnos con necesidades educativas específicas para educar na diversidade” engade o psicopedagogo “porque sen apoio tampouco Gabriel estaría aquí e calquera alumno que traballe ten dereito a estudar” sinala.

O equipo de apoio

Nun primeiro momento Gabriel “demandaba axuda para o coñecemento dos espazos, dos tempos, do uso dos locais, dos desprazamentos, ata para tomar un café, para adaptarse a todo” explica Ojea. Agora mesmo é completamente autónomo “para andar polo campus ou buscar documentación nunha biblioteca pero loxicamente non ten iniciativa de interacción, non propón ir tomar algo, pero se llo dis ti, vai” engade. Neste sentido os apoios foron reducíndose pero tiveron que ampliarse no eido académico, “xa que nun principio Gabriel fundamentaba o seu proceso educativo en memorizar, e aínda que hoxe en día segue sendo así, tamén ten que asumir novas capacidades” explica o psicopedagogo. Á hora de analizar, facer comentarios, comparacións, descricións de obras de arte, relacionar gráficos ou análises críticas “temos que realizar un traballo de mediación intensiva para relacionar as novas capacidades coas que xa tiña asumidas e ir creando relacións semánticas de coherencia usando a Historia como eixo” di, xa que estes rapaces teñen dificultades para desenvolver as súas capacidades en abstracto.
Manuel Ojea realiza un seguimento diario do seu traballo, “xa que Gabriel me envía por email as actividades que fixo durante a xornada”. Cada semana, ademais, ambos se reúnen cos bolseiros da facultade que o axudan nas tarefas cotiás, Marta López e Mikel Vázquez para establecer o plan de traballo e os novos obxectivos, e cada 15 días reúnense cos seus pais e ás veces, con Nuria Diéguez, bolseira de Psicopedagoxía que axuda a Gabriel no eido social.
Ademais, o papel dos seus pais, Gabriel e Mari Sol foi fundamental para conseguir que o rapaz chegara ata onde está oa existir unha unha relación directa entre os pais e o sistema educativo nos resultados. Neste caso foi un punto clave porque “se preocuparon moito a todos os niveis de que recibira o apoio académico e social que necesitaba”.
O apoio dos seus compañeiros tamén foi vital e Gabriel recorda os duros comezos na universidade resaltando “que o peor era non coñecer a ninguén, sen embargo agora xa teño amigos, aínda que hai máis relación con uns que con outros” di. Manuel Ojea lembra que para que o resto do alumnado coñecera as súas características especiais “organizamos reunións informativas, pois podía pasar por un rapaz moi introvertido, pero o feito de que a Facultade de Historia sexa un centro pequeno favoreceu a implicación” comenta.

A Síndrome de Asperger na Universidade

Baseándose no caso de Gabriel Jaime, Manuel Ojea escribiu o seu sétimo libro sobre con trastornos xeneralizados do desenvolvemento nos nenos, Síndrome de Asperger na Universidade, no que recolle o programa de apoio dende o principio, explicando paso a paso a evolución do rapaz en todas as súas dimensións dende como perciben, pensan e aprenden os afectados pola síndrome, cunha introducción teórica en cada capítulo e o caso práctico de Gabriel, desenvolvido. Nel explica como nos trastornos xeneralizados do desenvolvemento hai unhas características comúns que fan referencia aos déficits sociais “xa que non teñen ningún problema físico que dificulte a comunicación senón que non teñen interese espontánea nela e ademais tampouco teñen empatía”.
Estes tres aspectos xerais refírense a todos os trastornos pero dentro deles hai variantes como o autismo, ou a síndrome de Asperger que se caracteriza “porque normalmente teñen unha comunicación oral boa, segue fallando a comunicación espontánea, teñen iteración social pero non teñen habilidades para facela” explicou Ojea. Ademais soen ter un nivel intelectual medio ou alto, e desenvolver moito interese nalgún eido concreto que no caso de Gabriel é a música. “Levo sete anos estudiando no conservatorio composición e toco o piano, incluso teño dado algún concerto” explica. Pero Ojea engade que a súa motivación e actitudes extraordinarias para o traballo “parecen o seu interese específico pois é un rapaz que traballa da mañá á noite, compensando as súas dificultades con esforzo e aínda que non sei se é bo o malo, forma parte do seu repertorio de conducta” di.
Sobre o futuro profesional de Gabriel, Manuel Ojea é precavido e prefire pensar a curto prazo e esperar a que termine a carreira “supoño que os dous cursos que lle quedan os aprobará en tres anos e dependendo da evolución decidiremos”.
O que está claro e que Gabriel seguirá tendo a súa axuda cando comece esa nova etapa na súa vida, “estaremos con el apoiando a súa inserción laboral ata que consiga ser o máis autónomo posible” conclúe.