DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha publicación asinada por Santiago Lago aborda este proceso

Un percorrido por 40 anos de descentralización económica e política en España

Foi presentada este luns coa participación de Alberto Núñez Feijóo e Fernando González Laxe

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 19/04/2021

40 años de descentralización en España (1978-2018): balance y perspectivas. Con este título presentouse este luns en Santiago de Compostela o último libro de Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo. Nel, realiza unha minuciosa análise do proceso que ten levado, segundo explicou o propio autor da publicación, “a España a dotarse dun complexo sistema de descentralización económica e política, ao tempo que deu paso a un proceso de converxencia co resto da Unión Europea”.

A presentación, que tivo lugar no auditorio de Abanca, contou coa participación Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, e do expresidente Fernando González Laxe e coa asistencia de numerosas autoridades políticas, sociais e académicas, como os reitores Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo, e Julio Abalde, da Universidade da Coruña; Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta; José González, conselleiro do Medio Rural; Juan Vieites, presidente da CEG, e os secretarios xerais de UGT e CCOO.

Na súa intervención, Santiago Lago salientou do proceso analizado que “o éxito xeral é compatible coa existencia de múltiples retos e a necesidade de axustes, non sempre fáciles”. Por este motivo recalcou “a necesidade de diálogo multilateral, de acordos e consensos, un diálogo que require un reforzamento urxente de espazos como o Consello de Política Fiscal e Financeira, a Conferencia de Presidentes e as conferencias sectoriais”. Dado que a presentación deste documento coincide cos 40 anos do estatuto galego, o catedrático da UVigo tamén se referiu a el indicando que “é inevitable que o paso do tempo deixe obsoleto calquera texto legal e que, por tanto, tería sentido que a súa revisión, pasada a situación de urxencia pola que atravesamos, se incluíse na axenda política”. Porén, incidiu en que lle parece “máis urxente” a revisión dos foros multilaterais de cogobernanza indicados e o impulso de acordos no parlamento galego e entre os axentes sociais sobre os grandes retos de país, como o abandono de terras no medio rural, os desafíos demográficos ou a reforma no funcionamento da administración, entre outros.

Optimismo e autocrítica

O libro presentado este luns e editado por Funcas (Fundación de las Cajas de Ahorro),  ten como obxectivo amosar “o ocorrido na fronte da descentralización política e financeira; os logros conseguidos, pero tamén os erros e tarefas inacabadas, para acabar ofrecendo unha listaxe de propostas de reformas no sistema autonómico en pos dun mellor funcionamento, en termos de equidade, eficiencia, transparencia, estabilidade fiscal e rendición de contas”. O traballo realizado, indícase nel, sintetiza e é debedor de múltiples investigacións desenvolvidas ao longo do tempo polo seu autor con numerosos coautores e nútrese da súa participación en redes de investigación e grupos de traballo.

Segundo explica Santiago Lago na publicación, vistos no seu conxunto e en perspectiva comparada, as catro décadas que median desde a promulgación da Constitución Española de 1978 ata o arranque da terceira década do século XXI foron testemuñas “dun éxito transformador de España, da súa arquitectura institucional, a súa sociedade e a súa economía”. Así, lembra, “partiamos dunha ditadura, unha estrutura administrativa altamente centralizada, un estado do benestar precario e unha economía globalmente mediocre en procesos e resultados”. Porén, engade o catedrático, hoxe situámonos no posto décimo sexto entre as 22 ‘democracias plenas’ no mundo; segundo o semanario The Economist ocupamos a décima posición no ránking de países cun maior gasto social como porcentaxe do PIB e a economía estatal e moitas das súas empresas son equiparables ás da contorna. “Aínda que a converxencia non fose plena, avanzamos notablemente”, afirma o autor da publicación nela apuntando como con datos para 2019, España alcanza o 86 % do PIB per cápita medio da zona euro e o 90 % da media para a OCDE. Recalcando como “poucos o fixeron tan ben no mesmo período, a pesar das crises económicas e as dificultades políticas”, o experto sinala como “este optimismo é compatible coa autocrítica”, explicando como “a axenda de asuntos pendentes e reformas aprazadas é extensa. Non necesitamos rupturas nin revolucións, pero si ‘axuste fino’ por todas as partes”.

Ideas clave

Entre as ideas clave abordadas polo director do Foro Económico de Galicia no seu libro apunta como “todos os indicadores dispoñibles amosan a extraordinaria transformación acontecida” explicando como “dentro da Unión Europea lideramos os ránking de descentralización fiscal máis habituais”. Neste proceso, engade, “en xeral ten existido un amplo respaldo social e político ao proceso e unha satisfacción xeneralizada e crecente dos cidadáns”. Igualmente, Santiago Lago comenta como o dinamismo e a intensidade do proceso teñen xerado disfuncións e desenvolvementos desequilibrados; que a nivelación interterritorial é moi forte cando se refire aos recursos dos gobernos autonómicos e que a política rexional, os investimentos territorializados do estado e as transferencias de nivelación apostaron polo reequilibrio territorial como non se fixo anteriormente “pero que os resultados teñen sido discretos”. Outras das ideas apuntadas polo autor na publicación presentada este luns é que existen diferencias interterritoriais significativas no nivel e composición do gasto autonómico, que veñen explicadas polas diferencias nos recursos por habitante que proporciona o sistema de financiamento, a diversidade nas necesidades de gasto nas distintas funcións e as disparidades nas preferencias dos cidadáns en cada territorio.

Santiago Lago tamén destaca no libro como “contamos con evidencia empírica que respalda a idea de diversidade significativa na forma na que se prestan os servizos nos diferentes territorios” e que “é verdade que o nivel de goberno autonómico ten sido unha fonte de problemas para a estabilidade fiscal nos anos da gran recesión, pero tamén o ten sido a propia administración central e a seguridade social”. Finalmente, entre as ideas recalcadas polo catedrático da Universidade de Vigo están que “non existe ningún país federal a imitar globalmente. Inevitablemente, o modelo español debe ser propio e diferenciado, axustado ás nosas particularidades. Miremos cara fóra para evitar erros e inspirarse nas mellores experiencias”.