DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade enmárcase dentro do obradoiro "Educación viaria para a xuventude"

Un percorrido ata o campus en bicicleta pretende fomentar o uso de transporte público

As bicicletas pertencen ao proxecto "Enbíciate" do Concello

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 10/01/2008

Os alumnos do obradoiro de Educación viaria para a xuventude tomaron as principais rúas da cidade montados en bicicleta para fomentar o uso do transporte público e demostrar como se pode chegar dende o centro de Ourense ata o campus en menos de 10 minutos e con total seguridade. Na actividade, organizada pola Asociación de Prevención de Accidentes de Tráfico, PAT, participaron tamén o concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, Fernando Varela, membros do grupo de traballo de seguridade viaria do Concello, así como unha representación do colectivo de Amigos da Terra.

Céntrico percorrido

A golpe de pedal, todos os asistentes percorreron a distancia que separa o casco vello do campus universitario, pasando por céntricas rúas como a avenida da Habana, Xoán XXII, Bedoia, Santo Domingo e a Praza Maior, onde se realizou un avituallamento antes de volver ao punto de partida. O itinerario fora previamente elixido na aula cos alumnos do taller coa intención, segundo a organizadora, Angélica Ferro, de “levar a cabo unha rota polos sitios máis representativos de Ourense para mostrarllos aos alumnos de fóra e, sobre todo, potenciar o uso dos transportes públicos minoritarios” explicou. Para que a actividade fora un éxito, incidiuse en “extremar a precaución, posto que nas zonas urbanas compartimos tráfico con outros elementos e temos que ter en conta que ante os coches somos moito máis fráxiles” comentou, “mentres que no último tramo do percorrido, peonil, este rol se intercambia cos viandantes aos que hai que respectar” engadiu. A actividade está enmarcada dentro do proxecto do Concello Embíciate, gracias ao cal, todas as persoas interesadas teñen á súa disposición un servizo de préstamo de bicicletas gratuíto en diversos puntos da cidade para desprazarse de xeito ecolóxico.

Fin do obradoiro de educación viaria

Esta foi a última activade práctica do obradoiro que se dará por finalizado esta semana cunha clase teórica na que se lle fará entrega aos alumnos de materiais didácticos para que poidan empregar na súa futura vida profesional como docentes e educadores.
A experiencia foi un éxito xa que no primeiro día de inscrición se cubriron todas as prazas do taller e a participación dos alumnos nas diferentes actividades foi excelente. O grupo de traballo da PAT, organizador do obradoiro, leva catro anos traballando na concienciación e na educación viaria a través de diferentes campañas de sensibilización, pero esta foi a súa primeira incursión no eido universitario.