DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este 18 de abril celébrase o Día Internacional dos Monumentos e Sitios

Un percorrido polos descoñecidos xacementos arqueolóxicos do campus de Vigo

O Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial está a preparar unha visita interpretativa po

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 18/04/2018

O 18 de abril é o Día internacional dos Monumentos e Sitios, unha conmemoración que neste 2018 ten como lema #heritage4generations. Pero non é necesario desprazarse lonxe para poder coñecer o patrimonio cultura e histórico e, de feito, o campus de Vigo agocha segredos, algúns descoñecidos para a inmensa maioría da cidadanía, pero que son unha mostra de que esta zona estivo habitada dende hai milenios. Unha necrópole megalítica, silos prehistóricos... todos estes elementos foron en 2011 incluídos nun proxecto para a valoración do patrimonio cultural das parroquias de Candeán, Zamáns e Saiáns e algún deles conta na actualidade con paneis informativos que permiten coñecer un pouco mellor a historia desta zona. Ademais este percorrido está incluído na colección de folletos informativos que edita o Concello de Vigo cos roteiros da contorna e será obxecto nos vindeiros meses dunha visita interpretativa que están a preparar o Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Facultade de Historia do campus de Ourense.

O roteiro pola campus permite visitar a necrópole megalítica das Xunqueiras e o xacemento de fosas da Prehistoria Recente do Monte das Cabanas, “un xacemento excepcional dende o punto de vista arqueolóxico”, segundo Beatriz Comendador, profesora do Departamento de Historia, Arte e Xeografía do campus de Ourense. A docente apunta que aínda que “as persoas que realicen o itinerario si poderán ver os restos de catro túmulos ou mámoas”, non é posible ver as fosas nin os furados de poste que apareceron en Monte das Cabanas ao estaren soterradas. Moitos dos materias arqueolóxicos recuperados, como vasos cerámicos, muíños de man, crisois ou sementes, foron depositados no Museo Quiñones de León de Vigo.

Dúas zonas arqueolóxicas

O campus comprende dúas zonas arqueolóxicas diferenciadas. Entre a Escola de Enxeñería Industrial e o Edificio de Ciencias Experimentais, nunha zona denominada Monte das Cabanas, localizáronse restos dun xacemento cunha ocupación dende o Neolítico Final ata os finais da Idade do Bronce. En concreto, descubríronse numerosas fosas escavadas na terra, posiblemente empregadas como silos para a conservación de produtos vexetais. “Os grupos humanos visitarían este lugar con ocupacións de curta duración, ao longo dun período dilatado (entre o 1800-1200 aC), e semella que foron abandoando estas fosas, enchéndoas intencionalmente de terra e detritos”, explica Comendador.

Na parte alta do campus, o roteiro percorre a necrópole de Monte das Pedreiras, onde hoxe se conservan catro mámoas. Aínda que se descoñece a cronoloxía concreta destes monumentos tumulares do campus, posiblemente foron construídos antes das ocupacións do xacemento do Monte das Cabanas, durante o período neolítico, no que aparece na paisaxe esta primeira arquitectura monumental.

Recuperar a intención do 2011

Foi no ano 2011 cando un proxecto da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, coa Área de Prehistoria e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio como responsable do traballo, realizou un estudo preliminar dos restos megalíticos. Este consistiu nunha prospección con xeorradar, unha forma non invasiva de obter datos sobre o subsolo, que permitiu obter información interesante e sobre todo amosar o potencial para a realización dunha futura intervención arqueolóxica.

Naquel momento fixérase un proxecto de investigación e posta en valor, que non chegou a desenvolverse. A profesora Comendador apunta quen nestes últimos anos “temos traballado sobre estes xacementos co alumnado da Facultade de Historia” e agarda que se poida retomar aquela iniciativa, amosándose “encantada de poder traballar nun pequeno proxecto de difusión e interpretación patrimonial destes xacementos” para dalos a coñecer. De feito dende o Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial que ela coordina están a deseñar un roteiro interpretativo que se desenvolverá en maio ou xuño e que permitirá ás persoas participantes coñecer o patrimonio arqueolóxico e cultural do campus olívico.