DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Jesús Simal protagonizou unha nova conferencia da Cátedra Álvarez-Ossorio

Un percorrido pola historia da arte a través dos alimentos

A simboloxía da súa representación pictórica foi o eixo do relatorio impartido na EE Forestal

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Pontevedra 22/05/2019

Da arte rupestre ás vangardas de comezos do século XX, o catedrático de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo Jesús Simal trazou un percorrido pola historia da arte que tiña como nexo a representación pictórica de alimentos e escenas relacionadas coa alimentación, na conferencia que impartiu na Escola de Enxeñaría Forestal, no marco das actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio. Promovida pola Universidade de Vigo e a Escola Naval Militar de Marín, a cátedra trasladouse na tarde deste martes ao campus pontevedrés, onde o relatorio do investigador da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, titulado A simboloxía dos alimentos na pintura, foi presentado polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, o director da Escola Naval Militar, o capitán de navío Ignacio Cuartero, e o secretario da Cátedra Álvarez-Ossorio, Antonio Valles.

Investigador principal do grupo de Nutrición e Bromotoloxía e un dos dous investigadores da Universidade de Vigo, xunto a Maurizio Battino, incluído no Highlt Cited Researchers List, que distingue aos investigadores máis citados, Simal Gándara iniciou o seu relatorio deténdose nas representacións de animais e de actividades como a gandería ou a recolección de alimentos nas pinturas rupestres do Paleolítico e Neolítico, para logo achegarse ás representacións de labores agrícolas ou banquetes no antigo Expito e na Grecia e na Roma clásicas. A continuación, levou este percorrido histórico á Idade Media, para abordar, por exemplo, como no Gótico, a temática da alimentación presentábase na arte “no contexto de escenas bíblicas ou con motivo de feitos relixiosos”. A representación da “opulencia” no Renacemento ou o uso de alimentos “con certo simbolismo” en escenas relixiosas no Barroco foron tamén obxecto de análise por Simal nun relatorio no que presentou bodegóns ou representacións de escenas relacionadas co alimentación de Caravaggio, Rembrandt ou Velázquez. Este percorrido pola historia da arte afondou posteriormente na “ruptura artística co pasado” que, no século XIX, supuxeron o impresionismo e posimpresionismo, que implicaron tamén un “cambio radical á hora de representar os alimentos”, no que desaparecen “as interpretacións místicas ou relixiosas, quedando tan só á realidade”. Escenas de comidas e almorzos ou naturezas mortas de Manet, Renoir, Monet, Cezanne ou Van Gogh foron presentadas como exemplos nunha conferencia que se pechou coa abordaxe de como os alimentos estiveron presentes nas vangardas artísticas, período do que Simal sinalou o uso de alimentos como “pretextos para desenvolver manchas de color” no fauvismo, a súa representación por parte de artistas encadrados no cubismo como Picasso ou o uso que facían destes motivos representantes do surrealismo como Dalí ou Magritte.