DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xaime Fandiño dirixe un documental sobre Cristina Pato

O perfil máis descoñecido da gaiteira ourensá

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
DUVI DUVI 25/09/2007

A cidade de Nova York converteuse, o pasado mes de abril, en plató de excepción para a rodaxe de “Cristina Pato. Talento galego no Greenwich Village”. Un documental que, dirixido polo profesor de Comunicación Audiovisual, Xaime Fandiño, foi estreado hai uns días no espazo Galicia Documental da TVG.
Esta non é a primeira vez que Fandiño traballa coa artista, “tiven a oportunidade de gravar con Cristina hai uns cinco anos, cando a Televisión de Galicia encargoume un documental sobre o festival de Ortigueira” , apunta o profesor.
“A idea deste traballo era ofrecer unha visión inédita da artista”, sinala o director, quen apunta que “Cristina deuse a coñecer como gaiteira pero o que case non se sabe é que ten detrás unha traxectoria como pianista moi importante”.
Aínda que a gaita abriulle moitas portas nos Estados Unidos, a artista chegou a este país coa intención de agochala e dedicarse por completo aos seus estudos de piano e á música clásica. O azar levouna a coñecer ao director Osvaldo Golijov que, impresionado pola forza da gaiteira, fixo posible que compartira escenario con formacións como a Orquestra Sinfónica de Chicago ou o violonchelista Yo-Yo Ma.
O New York Times fixose eco, en varias ocasións, do talento da intérprete galega. Primeiro pola súa actuación no Carnegie Hall e, hai unhas semanas, no Mostly Mozart Festival do Lincon Center.
Pato está neste momento, como sinala Fandiño, “acariciando o nivel premium da música internacional aínda que, teña que convivir co corazón partido polos dous instrumentos que acompañan a súa existencia, un melódico e outro harmónico: o piano e a gaita”.