DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aberta a inscrición en cinco obradoiros de extensión universitaria para toda a cidadanía

Performance, cerámica e software libre súmanse aos cursos de verán do campus

Xunto a novas edicións dos seminarios de robótica educativa e comunicación empresarial

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/06/2022

Abertos ao conxunto da cidadanía, desde esta semana é posible inscribirse, a través da plataforma Campus Activo, en cinco cursos de extensión universitaria que permitirán, tanto ao alumnado como a calquera persoa interesada, continuar formándose durante o verán. Con opcións tanto presenciais como virtuais, o campus acollerá entre os meses de xuño e setembro cinco cursos de entre 30 e 44 horas, que suman no seu conxunto máis de 180 prazas. Nesta programación formativa da Vicerreitoría do campus insírense por unha banda tres novas propostas, centradas na performance, no traballo co torno cerámico e no manexo de follas de cálculo con software libre, ás que se suman novas edicións do taller sobre o uso da robótica educativa no ensino das ciencias e do curso no que diferentes profesionais da comunicación e o márketing relatan as súas experiencias profesionais.

Con prezos que van dos 25 aos 86 euros para o público xeral e sobre os que se aplica un desconto aos e ás integrantes da comunidade universitaria e colectivos vencellados, a inscrición nestes cursos permanecerá aberta ata o 10 de xuño no caso daqueles programados para os meses de xuño e xullo e ata o 1 de agosto para os que teñan lugar en setembro.

Cerámica e arte de acción

Dúas das novidades desta programación de cursos de verán arrancarán neste mes de xuño na Facultade de Belas Artes. A primeira delas, o taller O torno cerámico como ferramenta terá lugar entre os días 16 e 30 e está dirixido a iniciar ao alumnado tanto no manexo desta ferramenta como noutras técnicas de construción con arxila. Dirixido pola profesora da facultade Chelo Matesanz, o curso contará coa participación como docentes das ceramistas Emilia Guimeráns e Teresa Pece e ten como obxectivo guiar aos e ás participantes na realización dun proxecto persoal en cerámica, así como explorar as posibilidades plásticas e escultóricas deste material e das súas formas, texturas, acabados e procesos de coloración.

Tamén en Belas Artes, do 27 de xuño ao 1 de xullo desenvolverase a primeira edición de Performance e actos poéticos, un curso dirixido a “descubrir e potenciar a personalidade creativa” das e os participantes, a través da comprensión da performance “como proceso de autocoñecemento e encontro”, segundo explican os seus promotores. Dirixido polo profesor Carlos Tejo, que o imparte xunto co actor e performer Alfonso Rivera, trátase dun curso de carácter principalmente práctico, no que as e os participantes levarán a cabo diferentes experiencias dirixidas a potenciar a súa “peronalidade artística”, a través de ferramentas procedentes da expresión corporal, o teatro físico, os actos poéticos ou o body-painting.

Un taller virtual sobre follas de cálculo

A terceira das novidades é o curso virtual Follas de cálculo con software libre, que se desenvolverá entre o 16 de xuño e o 26 de xullo a través de Campus Remoto. Impartido polo profesor do Departamento de Estatística e Investigación Operativa Juan José Vidal, trátase dun taller dirixido a formarse no manexo das diferentes ferramentas dunha folla de cálculo, como a creación de táboas, a representación gráfica ou o cálculo de parámetros e medidas, para o que se empregará o software libre inserido na suite informática LibreOffice. 

Robótica educativa e comunicación empresarial

Entre os días 21 e 30 de xuño, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá a quinta edición do curso Robótica educativa e encerado dixital para educar a sustentabilidade, un seminario dirixido polo profesor Uxío Pérez e impartido por María Lorenzo, Nuria Castiñeira, Mercedes Varela e Ana Gómez, que busca “contribuír ao desenvolvemento da competencia dixital docente na área de creación de contidos”, como sinalan os seus promotores. A través do uso do encerado dixital interactivo e de diferentes materiais de robótica educativa, este curso busca amosar ao alumnado novos recursos e posibilidades didácticas para abordar cuestións relacionadas coa sustentabilidade nas aulas de infantil e primaria. 

Por último, entre o 8 e o 15 de setembro terá lugar a segunda edición de Comunicación empresarial e institucional en primeira persoa. 10 casos de éxito en Galicia relatados polas persoas protagonistas, que neste 2022 combinará a modalidade presencial, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, coa posibilidade de seguilo de xeito virtual a través de Campus Remoto. Dirixido pola catedrática Aurora García, este curso ten como docente principal ao consultor de márketing Miguel Ángel Souto e ten como obxectivo achegar os e aos asistentes unha serie de accións de comunicación publicitaria, relacións públicas ou organización de eventos de diferentes empresas galegas, da man das e os profesionais que as levaron a cabo.