DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase dun campamento de verán para favorecer a conciliación da comunidade universitaria

Permanece aberta a reserva de praza para o Campus Camp en Pontevedra

Dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 07/05/2019

Dirixido a favorecer a conciliación da vida profesional e familiar dos integrantes de profesorado, persoal de administración e servizos e alumnado, a Universidade promove desde hai máis dunha década o Campus Camp, un campamento de verán para os fillos e fillas dos e as integrantes da comunidade universitaria que desenvolve as súas actividades desde finais de xuño ata o inicio do novo curso escolar en primaria en setembro, coa excepción do mes de agosto. Co propósito de reunir un número mínimo de solicitudes que fagan viable a organización desta actividade no campus pontevedrés, a Área de Extensión Universitaria impulsou un período de reserva, previo á inscrición, para este campus en concreto, que permanece aberto ata este venres 10 ás 14 horas na plataforma Culturxest. No caso de non acadarse un mínimo de 12 matriculacións, ás persoas solicitantes ofreceráselles a posibilidade de levar aos seus fillos e fillas ao campamento que se desenvolve no campus vigués.

Dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos, idade máxima que se amplía con respecto a anteriores edicións, e con 150 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra no presente curso, este campamento de verán dará comezo o 24 de xuño, ofrecendo ás e aos interesados a posibilidade de solicitar praza para o período completo de xuño, xullo e setembro, para o mes de xullo completo ou por quincenas e para os períodos de xuño e setembro non lectivos, á vez que existe tamén a posibilidade de inscrición por días soltos. Cuns prezos que abranguen dos 160 euros no caso da quenda completa aos 30 nos casos de xuño e setembro e oito en xornadas soltas, o Campus Camp propón cada verán unha serie de actividades educativas e lúdicas a nenos e nenas, cun eixo temático que vai variando en cada edición, co obxectivo de fomentar a colaboración e o traballo cooperativo, a adquisición de habilidades específicas de diferentes deportes a través do xogo e a realización de actividades ao aire libre.