DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro celébrase este ano de xeito virtual debido á crise sanitaria

Persoal de atlanTTic organiza un dos talleres de WiMob2020, unha das principais citas internacionais en comunicacións móbiles

O obradoiro céntrase nas redes sen fíos cooperativas, claves na Internet do futuro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 09/10/2020

O Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) do centro de investigación atlanTTic participará o vindeiro luns día 12 de outubro na XVI edición da International Conference on Wireless and Mobile Computing, Networking and Communications, WiMob 2020, un dos congresos máis importantes do mundo no ámbito das comunicacións móbiles. Farao organizando o 7th International Workshop on Cooperative Wireless Networks - CWN 2020, un obradoiro no que se abordarán as últimas novidades sobre as redes sen fíos cooperativas, un dos elementos clave para o avance da que será a Internet do futuro.

Se ben estaba previsto que este encontro se celebrase na cidade grega de Tesalónica a crise sanitaria provocada pola covid-19 obrigou a que todas as actividades se realicen nesta edición de xeito virtual, incluído o CWN 2020, cuxa organización corre a cargo dos investigadores de atlanTTic Cristina López Bravo, Pablo Fondo Ferreiro e David Candal Ventureira, xunto a Antonio Javier García Sánchez da Universidad Politécnica de Cartaxena. 

Redes que buscan máis eficiencia enerxética, cobertura e fiabilidade

A finalidade do CWN 2020 é  ofrecer un espazo para que investigadores e investigadoras intercambien experiencias e coñecementos sobre este tipo de redes. Segundo explican desde a organización, o concepto de cooperación pódese aplicar a un amplo alcance de tecnoloxías, sistemas e aplicacións, co fin de lograr un uso eficiente do espectro (radio cognitiva), cobertura de rede estendida (diversidade cooperativa, retransmisión multi-hop), mellorado o rendemento e a fiabilidade (codificación de rede, protocolos de capas cruzadas, corte de rede) e seguridade do usuario (redes de vehículos, redes de emerxencia), entre outros aspectos.

Coa rápida proliferación de dispositivos e servizos sen fíos, a Internet móbil experimentou un crecemento exponencial nos últimos anos, o que supón retos potenciais para os operadores de telefonía móbil, especialmente en termos de calidade na prestación de servizos. Neste contexto, o persoal de atlanTTic explica que a cooperación en rede sen fíos xurdiu como unha estratexia prometedora para mellorar o rendemento xeral compartindo recursos, aumentando as taxas de datos e o rendemento da rede, á vez que ten o potencial de aumentar a eficiencia enerxética, a cobertura da rede e a fiabilidade.