DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ante a imposibilidade de desenvolver actividades presenciais

O persoal da Biblioteca Universitaria únese á celebración do Día do Libro

Compartindo en Instagram as súas lecturas durante o confinamento

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Cultura
  • Cultura
M. Del Río DUVI 23/04/2020

Días de destrucción, días de revuelta, de Chris Hedges e Joe Sacco. El infinito en un junco, de Irene Vallejo. Los errantes, de Olga Tokarczuk. A ira dos mansos, de Manuel Esteban. Estes son algúns dos libros que neste confinamento está a ler o persoal que traballa nas diferentes bibliotecas da Universidade de Vigo e que se decidiron a dar a dar coñecer como un xeito de celebrar, dende a casa, o Día do Libro, que se conmemora este xoves 23 de abril.

A iniciativa xurde, como explica Primi Blas, directora da Biblioteca de Torrecedeira, “porque este ano non podemos celebrar o Día do Libro como acostumamos, cunha exposición nalgún espazo físico da Biblioteca, e pensamos que estaría ben compartir cos nosos usuarios os libros que nos acompañan durante a corentena nas nosas casas”. Para facelo, pediron ás e aos compañeiros bibliotecarios, a través de Instagram, conten con que publicación están a ocupar o tempo de lecer e compartan unha foto xunto co volume empregando os cancelos #librosconfinados, #UVigodesdecasa e #ATúaBibliotecacontigo. Blas remarca que o persoal das bibliotecas universitarias, aínda que dende a casa, “está traballando moito durante estes días para que se poida acceder aos servizos en liña e dar apoio á docencia e á investigación, pero temos tempo para ler, especialmente esta semana na que celebramos o Día Mundial del Libro".

Títulos, recomendacións e reflexións

Algunhas das persoas que xa se animaron a participar, relata Blas, tamén inclúen comentarios sobre os volumes que están a ler e recomendacións para o resto da comunidade universitaria. Por exemplo, Jesús, bibliotecario en Torrecedeira, está a ler El tiempo es un canalla, de Jennifer Egan e explica que se trata “dunha miscelánea de personaxes no tempo dende os anos 70 na xeografía de Nova York, África...cun fondo de rock en todo momento”. Ana, bibliotecaria na Biblioteca Central de Vigo, apunta que “estamos no momento de ler os libros que agardan con paciencia unha lectura demorada, que non resisten salas de espera, paradas de autobús, nin 15 minutos antes de apagar a luz”. No seu caso, o título escollido é Os Borbóns, unha monarquía escandalosa, de Manuel Monge, “un estudo histórico da desfeita da monarquía en España, dende Felipe V a Felipe VI. Moi recomendable para quen adoita visitar as crónicas do corazón”, apunta. Outro dos traballadores que aceptou o reto é Manuel, bibliotecario en Torrecedeira, que hai tres anos se mudou e vendeu a maioría dos libros que tiña para crear dende cero unha biblioteca temática, co budismo como tema central. Na actualidade xa conta con 150 volumes e agora está lendo Enamorado del mundo, de Yongey Mingyur Rimpoch. A iniciativa chegou tamén ás bibliotecas de Ourense e Pontevedra, coa participación por exemplo de María José, bibliotecaria en Ourense, que ten nas súas mans Tan poca vida, de Hanya Yanagihara ou de Laura, bibliotecaria en Pontevedra, que está a ler Máquinas como yo, de Ian McEwan.

En xeral, Blas valora moi positivamente o resultado desta proposta, que vai “moito máis aló do agardado”. Por un lado, explica, a resposta está sendo “masiva” xa que “o persoal implicouse de forma moi proactiva dándonos a coñecer a intimidade dos seus recunchos de lectura e, ao mesmo tempo, serviu como medio de cohesión entre o persoal estreitando lazos e favorecendo a comunicación”. Primi Blas remata citando a Joaquín Sabina, que nestes días de obrigada reclusión remarcaba que "os libros acaban coa soidade, non hai mellor remedio para o confinamento."