Nun curso do Campus Auga e o Centro de Posgrao e Formación Permanente
Persoal docente e investigador do campus formarase no dereito á protección de datos no ámbito universitario
A actividade terá lugar os días 21 e 22 de outubro
O Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia, continúa coa súa oferta formativa para a comunidade universitaria do campus de Ourense. Nesta ocasión, trátase dun curso dirixido ao persoal docente e investigador (PDI) centrado no dereito á protección de datos persoais no ámbito universitario.
Os obxectivos da iniciativa, organizada co Centro de Posgrao e Formación Permanente da Universidade de Vigo, son facilitar que o persoal docente e investigador comprenda o marco legal vixente en materia de protección de datos persoais e aprenda tanto a aplicar correctamente o Regulamento Xeral de Protección de Datos no contexto universitario como a identificar riscos e boas prácticas en docencia, investigación e xestión. A actividade tamén quere fomentar unha cultura de protección de datos entre o PDI e resolver mediante casos reais as dúbidas frecuentes que poida ter na materia deste curso.
O curso O dereito á protección de datos no ámbito universitario celebrarase os días 21 e 22 de outubro no edificio Campus Auga. Conta con 10 horas de formación presencial e un enfoque práctico e adaptado ao contexto da docencia, a investigación e a xestión. A formación correrá a cargo do profesorado da Facultade de Dereito do campus de Ourense Susana Álvarez e Miguel Ángel Michinel e tamén de Mónica Arena, profesora da Universidad de Alcalá.
A actividade, de balde, está destinada ao persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, tendo preferencia o que estea no Plan de Ordenación Docente deste ano académico e o do campus de Ourense. Se quedasen prazas dispoñibles poderán participar outros perfís da Universidade de Vigo, baixo o criterio da Área de Formación e Innovación Educativa. Hai 20 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición. O prazo para formalizar a inscrición remata o día 19 de outubro.
