DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle ata o mércores un coloquio sobre esta temática

Persoal docente e investigador das universidades de México e Vigo dialogan sobre os conflitos no estado de dereito

A delegación do país latinoamericano ascende a unha trintena de persoas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Internacional
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/11/2018

Este luns arrancou na Facultade de Dereito do campus de Ourense o V Coloquio Binacional México-España. A cita, organizada pola Universidade Autónoma de México (Unam) co apoio da Universidade de Vigo, reúne ata o mércores a medio centenar de persoal docente e investigador e xuristas dos dous países para fomentar o diálogo e o intercambio de coñecemento no eido da xestión de conflitos no estado de dereito.

Unha oportunidade para ambas partes

Pablo Raúl Bonorino, profesor da Universidade de Vigo director académico deste coloquio pola parte española, salientou antes do inicio da cita o seu agradecemento á Unam pola elección da Universidade de Vigo para acoller esta iniciativa “da universidade máis importante de México tanto en cantidade de alumnado como en prestixio”. Sobre a celebración do encontro recalcou na inauguración como “o espírito co que organizamos o coloquio é o de priorizar o diálogo entre todos os asistentes, trátase de escoitar e de que nos escoiten. A Universidade é isto que vamos a facer os vindeiros tres días”, afirmou o profesor. Do mesmo xeito, Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito do campus de Ourense, recalcou na benvida ás e aos participantes como este encontro é unha oportunidade “para transferir coñecemento, para internacionalizar a investigación e para intercambiar boas prácticas”.

Carlos Reyes, coordinador Programa de Posgrado en Dereito da Unam, salientou sobre esta  iniciativa como “hai cinco anos iniciamos estas prácticas cunha idea moi clara, que os nosos estudantes de posgrao tiñan a cada vez máis crecente necesidade de expor, de participar, de involucrarse en temas máis alá da nosa universidade, de difundir o coñecemento de traballos de investigación que estaban facendo”. Destacando como España e México comparten “preocupacións xurídicas”, Carlos Reyes indicou a oportunidade que supón este coloquio para “compartir experiencias e espazos universitarios”. “O escenario non pode ser mellor para un diálogo académico como o que vamos a celebrar”, dixo o responsable académico. Pola súa banda, Abril Uscanga Barradas, codirectora do encontro pola parte mexicana, subliñou igualmente como a temática elixida para o encontro “non podía ser mellor dentro da conxuntura que vivimos no noso país”. Na súa intervención amosou ademais a súa confianza en que a celebración deste coloquio sexa “o inicio dunha relación coa Universidade de Vigo que teña continuidade”.

Preocupacións xurídicas comúns

Concretamente o V Coloquio Binacional México-España conta coa participación de 25 investigadoras e investigadores tanto de predoutoramento como de posdoutoramento e oito profesores e catedráticos da Unam. Pola parte española a cifra de persoal docente e investigadores e xuristas ascende a unha vintena, principalmente da Universidade de Vigo. O programa inclúe dous tipos de sesións diferentes, unha centrada na exposición por parte do persoal investigador de predoutoramento e posdoutoramento dos seus traballos e outra dedicada a conferencias maxistrais nas que participan catedráticos e profesorado tanto da Unam como da Universidade de Vigo.

A programación arrancou cunha conferencia de Pablo Larrañaga, do Instituto de Investigación Xurídicas da Unam, sobre constitucionalismo económico na que expuxo as dez teses sobre como considera que debe integrarse un constitucionalismo en materia económica. Ao longo da súa intervención expuxo aos asistentes este concepto, as funcións que cumpre, “como debe dalgunha maneira disciplinar a actividade da área económica”, e os valores que o deben orientar. “O constitucionalismo económico é a área do dereito e do desenvolvemento institucional que contén e que regula a actividade económica dirixida cara a realización de dereitos fundamentais”, sinalou na súa visita a Ourense. Entre as dez teses que debullou salientou “como a idea central é que detrás do constitucionalismo económico e todo o que teña que ver cos dereitos fundamentais está o concepto de desenvolvemento, non entendido só como crecemento económico senón como xeración de capacidades das persoas para poder facer as cousas que valoran facer”. Este, apuntou o xurista, “debe ser o criterio orientador dunha técnica do constitucionalismo para regular a economía, nos distintos niveis”, xa sexa no eido local, nacional ou transnacional.

Diversidade de temas

Entre a delegación de investigadoras e investigadores da UNAM estaba este luns José Jesús Vázquez, que salientaba como este encontro supón “unha oportunidade moi enriquecedora para todos”. El intervirá ao longo do encontro para falar do sistema nacional de anticorrupción desde a óptica dun conflito. “A corrupción é entendida como un lastre, como un cancro, ao que se lle dá como única solución o castigo”, indicou o investigador. Pero, afirmou, esta política do castigo, “non minguou a corrupción, ao contrario, provocou que o fenómeno sega crecendo no noso país”. “Se se aborda como un conflito recoñéceselle un interese á outra parte e pode ser que teña unha mellor saída que só castigar”, afirmou. Outro dos participantes no coloquio é Juan de Santiago Hernández, que abordará a cuestión da aplicación discrecional do dereito. “A miña postura é crítica a esa tendencia e o que propoño é que sexa máis regulado, seguindo a postura de que se o dereito é ciencia débese manter dunha maneira máis obxectiva e non de acordo ás circunstancias ou que se poida modificar a gusto de quen teña o poder político ou económico”, apuntou. Sobre o coloquio, Hernández salientou como se trata “dunha iniciativa moi boa porque nos incentiva como estudantes e nos permite compartir puntos de vista. Este tipo de eventos contribúen a buscar solucións e propostas”.

Entre as investigación procedentes de México expostas estes días estarán traballos sobre a boa administración como un dereito humano; a xustiza tradicional nese país; a corrupción no manexo da industria petroleira como causa de conflitos que quebrantan o estado de dereito e os tribunais constitucionais estatais e federalismo xudicial. As temáticas das conferencias maxistrais serán igualmente diversas, abranguendo cuestións como a arbitraxe e solución de controversias nos tratados comerciais internacionais asinados por México; os intereses económico e o estado de dereito; os novos medios de solución de conflitos antes de chegar a tribunais; a importancia dos tribunais na xestión de conflitos familiares cando existe o síndrome de alienación parental e o papel da universidade no estado de dereito.