DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pontevedra acolle unha reunión da rede de investigación COST ‘ARTinRARE’

Persoal investigador de 20 países conecta a investigación artística coa intelixencia artificial e a aprendizaxe automática

Diferentes grupos de traballo reúnense xoves e venres en Belas Artes e na Casa das Campás

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 26/02/2026

Os efectos e as aplicacións de tecnoloxías como a intelixencia artificial ou a aprendizaxe automática na investigación e na práctica artística son uns dos focos de análise da rede de investigación Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE). Financiada polo programa COST da Unión Europea, esta rede reúne este xoves e venres 53 investigadoras e investigadores de 20 países no campus de Pontevedra e centra o seu traballo en conectar a investigación artística baseada na práctica con outras culturas investigadoras, a xestión de datos ou as novas ferramentas tecnolóxicas. Liderada polo Instituto de Investigación en Arte, Deseño e Sociedade (i2ADS) da Universidade do Porto, esta rede ten entre as integrantes do seu comité de xestión á profesora da UVigo Holga Méndez, coordinadora do encontro que se desenvolve na Facultade de Belas Artes e na Vicerreitoría do campus.

Belas Artes acollía na mañá deste xoves a apertura desta segunda xuntanza xeral de ARTinRARE, un proxecto que conta coa participación de máis de 200 artistas e investigadores nos seus diferentes grupos de traballo. O seu punto de partida é o concepto de artística intelixencia, termo que fai referencia “á capacidade colectiva da investigación artística baseada na práctica para xerar impacto e valor máis aló dos resultados singulares e específicos dun proxecto individual”, como sinala Méndez. A idea, engade, é que esta iniciativa permita ir máis aló das investigacións e prácticas artísticas individuais para “facer visibles diferentes modos de proceder”, contribuíndo á súa conexión con “todas as formas de produción de coñecemento”. A través dunha análise interdisciplinaria, engade, “esta acción coordina a aplicación de novas técnicas computacionais, como a aprendizaxe automática e a intelixencia artificial, á investigación baseada na práctica en todas as artes”.

O espazo do local nun mundo dixital

Nese senso, esta rede de traballo parte do feito de que “a investigación e a práctica artística están inmersas na vida diaria”, de tal xeito que proxectos como ARTinRARE permiten “crear espazos para o coñecemento e a creatividade” xurdidos das comunidades locais, nun contexto marcado pola dixitalización. “Un dos nosos retos son as transformacións provocadas polas tecnoloxías dixitais na investigación baseada en prácticas artísticas”, sinalou Paulo Almeida, investigador da Universidade do Porto e coordinador desta acción COST, na apertura desta xuntanza. Este acto contou tamén coas intervencións da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e do decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, así como de responsables dos diferentes grupos de traballo desta rede. 

Tanto Lantarón como Buxán agradeceron aos responsables da rede que tivesen escollido a facultade e o campus para a segunda xuntanza xeral dun proxecto que se estende ata 2028. “É moi difícil reunir investigadores de tantos países nun encontro desta magnitude”, salientou a vicerreitora, quen puxo en valor o positivo desta iniciativa á hora de “establecer alianzas”, á vez que lembrou que o campus atópase inmerso no proceso de acreditación do seu proxecto de especialización como “o campus da creatividade”. Pola súa banda, o decano salientou o valor de congregar “investigadoras e investigadores que traballan no mundo da arte desde diferentes eidos” para abordar cuestións como o impacto da intelixencia artificial, “unha cuestión absolutamente fundamental no momento actual”. 

Catro grupos de traballo

Tras este acto de apertura, o programa desta xornada continuou cunha conferencia do artista e investigador Michael Schwab, editor xefe do Journal for Artistic Research. O seu relatorio estivo centrado na idea de “polilocalidade”, en como a “relevancia da investigación artística non reside nos resultados específicos ou exemplos de boas prácticas, senón no tipo de operacións de coñecemento que sustenta”, sinalan desde a organización. Tras esta conferencia tivo lugar unha acción sonora, previa ao inicio dunha serie de reunións dos catro grupos de traballo desta rede, nas que se insiren as presentacións dunha serie “de proxectos e investigacións que se están desenvolvendo”, apunta Méndez. 

Un deste grupos de traballo céntrase nas estratexias de adaptación e en “como as tecnoloxías relacionadas coa intelixencia artificial están moldeando as prácticas artísticas, os métodos de investigación e as institucións creativas”, sinalan desde esta rede, o que abrangue iniciativas como a realización dun “mapeo de prácticas” baseadas no uso da IA en institucións artísticas europeas. Baixo o nome de “intelixencias colectivas”, outro dos grupos identifica contribucións da arte, a cultura e a creatividade a esa noción de “intelixencia artística”, mentres que outro dos bloques de traballo céntrase no desenvolvemento dun “marco de referencia común”, que permita vincular as diferentes liñas e enfoques dos proxectos de investigación artística. Finalmente, un cuarto grupo enfócase á formulación de políticas e recomendacións, así como á análise daquelas medidas dirixidas a regular o impacto da IA xerativa, a aprendizaxe automática ou o big data nas industrias culturais e creativas.

A primeira xornada desta xuntanza péchase na tarde deste xoves cunha actuación musical de Xurxo Estévez e Sunil López, no espazo O Abrigo. Xa o venres, os diferentes grupos de traballo trasladan a súa actividade á sede da Vicerreitoría do campus, pechándose este encontro cunha visita guiada á exposición San Sebastián, corpo de beleza e dor, da que Buxán é comisario e que pode verse no Museo de Pontevedra.