Ao abeiro das convocatorias de axudas Inou e Inou+PosDou Campus Auga
Persoal investigador do campus porá en marcha 18 novos proxectos
Con 119.000 euros de financiamento achegados pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia
As convocatorias de axudas da Universidade de Vigo Inou e Inou+PosDou Campus Auga, dotadas cun total de 119.000 euros pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, xa están resoltas. Ao seu abeiro poranse en marcha 18 proxectos de investigación relacionados co Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, e co desenvolvemento social e económico da provincia.
Campus Auga
En primeiro lugar están as Axudas a proxectos do persoal investigador na etapa de formación posdoutoral do campus de Ourense (Inou+PosDou Campus Auga 2025), que se convocaron este ano por primeira vez. Están dotadas con 60.000 euros (10.000 euros por proxecto) no marco do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga (2024-2027), o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado pola Xunta de Galicia. Neste caso, as axudas teñen como finalidade contribuír a potenciar as liñas de especialización do Campus Auga: alimentación funcional, agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal.
Son seis os proxectos beneficiarios desta primeira convocatoria. Neles, a investigadora Claudia Campillo avaliará a acumulación de cobre en solos de viñedo mediante o uso de microorganismos, abranguendo tanto a determinación de tolerancia inducida como a análise xenética; Diego Fernández centrarase na aplicación de técnicas de baixada de escala e intelixencia artificial para optimizar as proxeccións climáticas no sector agrario e Vanesa Santas traballará na elaboración de biocarbón a partir de residuos de viñedo e acacia e a súa aplicación en viñedo, abranguendo o seu impacto nas características fisicoquímicas e microbiolóxicas do solo.
Tamén haberá proxectos sobre ingredientes bioactivos obtidos de residuos da agroindustria ourensá e a súa influencia na microbiota intestinal, da investigadora Lucía Victoria Cassani, e sobre o desenvolvemento de bebidas vexetais con orixe galega a partir de castaña e faba de Lourenzá, con enriquecemento bioactivo e enfoque circular, a cargo de Jorge Antonio Custodio. Pecha a lista de traballos elixidos un sobre alimentación e comensalidade no mundo antigo, sobre prácticas alimentarias e dinámicas sociais nesa época, de Helena López.
Desenvolvemento da provincia
A segunda das convocatorias, que xa conta cunha dilatada traxectoria, é a de Axudas a grupos de investigación do campus de Ourense (Inou 2025), financiada con 59.000 euros pola Deputación de Ourense no marco do convenio anual asinado entre este órgano provincial e a Universidade de Vigo para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural, investigación, formación e deportes no campus de Ourense. A súa finalidade é apoiar investigacións que contribúan ao desenvolvemento social e económico da provincia e ao coñecemento da súa realidade.
Neste caso son doce os proxectos financiados, cunha axuda para cada un deles de 4916 euros. No eido científico, os beneficiarios son traballos sobre a bioactividade de compostos polifenólicos en restos de uva dos subprodutos do viño na rexión galega, da investigadora Hui Cao; sobre a dixitalización de datos meteorolóxicos en Ourense para a ciencia aberta, de Marisela Des Villanueva; sobre a avaliación de modelos de aprendizaxe automática para predicir a calidade nutricional do pole en función da súa orixe botánica, de María Shantal Rodríguez, e un plan de potencialidade, recuperación, posta en valor e protección da surxencia termal da Fonte do Baño, no Val do Salas (Baltar, Ourense), de Ángel Domínguez e Lorenzo Rodríguez. No eido tecnolóxico María Novo Lourés realizará a avaliación de modelos zero-shot para a predición de niveis ambientais de pole na provincia de Ourense; Iván Rodríguez unha ferramenta para o reconto celular en imaxes de microscopía baseado en aprendizaxe profunda, e Guillermo Rey unha plataforma IoT e espacial para a prevención de incendios e a agricultura de precisión.
Tamén haberá proxectos no eido educativo, como os de Manuel Isorna sobre a poboación centenaria ourensá (estilos de vida, variables sociodemográficas e contextuais asociadas á lonxevidade); de Marcos Loureiro, sobre o espazo como recurso educativo e a súa importancia para facilitar a aplicación de metodoloxías activas, e de Iria Vázquez sobre a promoción da accesibilidade termal na provincia de Ourense. Completan a listaxe traballos un de Miguel Ángel Álvarez sobre xeoarqueoloxía na contorna da Raíña Loba e outro de Montserrat Cruz sobre unha proposta de creación dun Clube Termal Integrado de Termas e Balnearios na provincia de Ourense con financiamento parcial de tratamentos terapéuticos termais.