DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun relatorio impartido polo investigador do Hospital Barretos de Cáncer de São Paulo

Persoal investigador do Cinbio achégase ao traballo do científico Rui Manuel Reis no tratamento e diagnose do cancro

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 17/03/2022

A abeiro do ciclo Cinbio Seminar Programme, persoal investigador do Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo achegouse hoxe ao traballo que o científico Rui Manuel Reis desenvolve no Hospital Barretos de Cáncer de São Paulo, Brasil, no tratamento e diagnose do cancro, con accións como unidades móbiles de prevención da enfermidade. 

No seu relatorio vía Zoom, titulado Biomarkers in cancer: from prevention to therapy decision, o investigador afondou na importancia da prevención cunha diagnose temperá da enfermidade. “O futuro do cancro de pulmón está nas biopsias non invasivas, como sangue ou esputo. A mellor oportunidade que temos é detectar o cancro de pulmón no primeiro ou no segundo estadío”, dixo Reis. O obxectivo principal da súa investigación é conseguir caracterizar as principais alteracións xenómicas do hóspede e o seu microbioma arredor dos tumores para traducilo en coñecemento e beneficio clínico a través do uso de biomarcadores. 

Finalizado o relatorio, o investigador sinalou a posibilidade dunha futura colaboración co Cinbio, tendo en conta a similitude das liñas de investigación do centro coas súas propias. A charla foi moi participativa e o persoal de varios grupos de investigación trasladoulle varias cuestións e comentarios ao investigador relativas a esas liñas de traballo compartidas.