Nuns traballos desenvolvidos ao abeiro do proxecto ‘Use4Forest’
Persoal investigador da EE Forestal identifica as áreas con maior probabilidade de sufrir grandes incendios de España, Portugal e Francia
Nunha reunión na que analizaron tamén os lumes sufridos en Galicia no verán de 2025
Identificar áreas de España, Portugal e Francia que terían maior probabilidade de verse afectadas por grandes incendios era o obxectivo dun estudo desenvolvido por investigadoras e investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal, no marco do proxecto Use4Forest. Seleccionado polo programa Interreg Sudoe e liderado pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, este proxecto reúne trece institucións e entidades de España, Portugal e Francia, que este mércores e xoves participan nunha visita do comité de socios na provincia de Ourense. No marco deste encontro, puideron coñecer os resultados das máis de 120.000 simulacións realizadas polo equipo da UVigo participante neste proxecto, co obxectivo de identificar áreas con alto risco de incendio no norte España e Portugal e no sur de Francia.
Estas simulacións realizáronse tendo en conta diferentes escenarios climatolóxicos e distintos puntos de inicio dos lumes e permitiron constatar a existencia de “áreas con alto risco de incendios” que non se viran afectadas por lumes extremos previamente, como explicaba o investigador Juan Picos na mañá deste mércores. Xunto ao tamén subdirector da EE Forestal, as investigadoras Julia Armesto, Laura Alonso e Thais Rincón integran o equipo responsable dunha serie de simulacións que apuntan á “área suboriental” de Ourense, León, Zamora e á rexión portuguesa de Tràs-os-Montes como unha das zonas máis susceptibles de verse afectada por grandes lumes.
O propósito deste estudo, que Laura Alonso presentara previamente no congreso da Asociación Internacional de Incendios Forestais, era pór de relevo a importancia de dotarse de “novas ferramentas” en materia de prevención, nun contexto marcado polo cambio climático.
"Hai moitos factores nos incendios que xa cambiaron"
Na súa presentación deste mércores, Picos buscou tamén pór o foco nunha serie de “aspectos que nos parecen significativos” respecto das “tendencias” que están a observar sobre a evolución do comportamentos dos lumes, “especialmente relacionadas coa crise de incendios” sufrida en Galicia o pasado verán. “Aínda queda moito traballo para demostrar esas tendencias”, recoñecía o investigador, quen, non obstante, incidía en como esa área entre Portugal, Galicia e Castela-León detectada nas simulacións foi tamén un dos puntos que rexistrou maior cantidade de lumes no verán de 2025. Esta zona, explicou, correspóndese “coa liña imaxinaria que separa os dominios bioxeográficos mediterráneo e eurosiberiano” na península, o que levouno a apuntar á influencia do cambio climático como un factor que está a incrementar o risco de lumes forestais extremos.
Do mesmo xeito, os lumes de 2025 superaron tamén “unha segunda fronteira”, a relacionada coa altitude, dada a súa incidencia en zonas elevadas, que o investigador vinculou co quentamento global. “As zonas máis altas normalmente en verán estaban máis frías e a vexetación mantiña máis humidade e o que vimos o ano pasado foi algo inaudito en termos de cantidade de incendios en altitudes moi elevadas”, recoñeceu Picos, sinalando como exemplo os incendios vividos nas montañas do macizo central ourensán. "Hai moitos factores nos incendios que xa cambiaron", destacaba nese senso.
O equipo investigador da UVigo analizou tamén “o impacto que sufriu a vexetación o pasado ano coas vagas de calor” e que pode incidir en futuros incendios. Como apuntou Picos, “é posible” que ese impacto permaneza “latente na vexetación este ano”, por mor da acumulación de vexetación morta en “áreas que non arderon”, que pode resultar determinante na porcentaxe de humidade do combustible forestal, na que normalmente “domina a humidade” da vexetación viva, “que sempre soe ser maior”. Do mesmo xeito, o investigador sinalou a hipótese “de que a atmosfera poida ter unha maior capacidade secante”, que faga que as plantas murchen antes, o que fará que “a tempada de incendios se adiante máis aló do que estamos acostumados”.
Nesta análise do acontecido en 2025, o investigador da EE Forestal puxo tamén o foco nos “comportamentos moi desfavorables do lume” durante as noites, nas que “non se recuperou a humidade” nin baixou o vento, limitando as posibilidades dos dispositivos de extinción de “consolidar” o traballo realizado ao longo do día.
Reunións de traballo e visitas a montes afectados
Picos presentou esta investigación no marco dun encontro que arrancaba no Centro de Xestión de Crise de Verín e na Base Aérea de Verín-Oímbra, coa participación da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, que presentaron o novo equipamento da Xunta para a defensa contra incendios, dúas furgonetas que funcionarán como posto de mando avanzado, adquiridas no marco deste proxecto.
As e os participantes neste encontro realizaron tamén unha visita a montes afectados polos incendios en Oímbra, así como nunha análise técnica destes lumes. Xa pola tarde, a actividade continúa no Centro Integral de Loita Contra o Lume de Toén, onde se levan a cabo diferentes demostracións e onde se presentará a ferramenta de xestión de incendios desenvolvida no marco deste proxecto. Na xornada do xoves, a actividade continuará con diferentes reunións de traballo no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
Xunto á Xunta e á UVigo, en Use4Forest participan a Autoridade Nacional de Emerxencia e Protección Civil de Portugal, a Deputación de Ourense, a Junta de Castilla-León, o Instituto Politécnico de Bragança, o Eixo Atlántico do Noroeste Penínsular, a Hazi Fundazioa, a Fundación Tecnalia Research Innovation, a Comunidade Intermunicipal de Terras de Tràs-os Montes, o departamento francés de Aude, o Syndicat Mitxe du Pays Sud Charente, o Centro Rexional da Propiedade Forestal de Nova Aquitania, Solidarités territoriales Mission Europe e e o sindicato mixto para o desenvolvemento e a xestión do PNR Corbières-Fenouillèdes.
