DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso coorganizado polas vicerreitorías de Investigación e Organización Académica 

Persoal investigador da Universidade fórmase sobre o selo de calidade HRS4R

Celebrarase os días 7 e 8 de maio 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 02/05/2019

A Universidade de Vigo obtivo hai case dous anos o selo de excelencia en Recursos Humanos de Investigación, HR, Strategy for Researchers HRS4R, da Comisión Europea, que recoñece publicamente ás institucións que progresan na adecuación das súas políticas de recursos humanos aos principios definidos na Carta Europea do Investigador e do Código de Conduta para a contratación deste persoal. Co obxectivo de  dar a coñecer á comunidade universitaria, e en especial ao persoal investigador este selo, que pon de manifesto o compromiso da institución na procura da excelencia e a mellora continua dos seus recursos humanos no ámbito da investigación, a Universidade desenvolveu diferentes actuacións, ás que agora suma a celebración dun curso, os vindeiros 7 e 8 de maio.

HR: O selo de excelencia para mellorar o mercado laboral dos investigadores/as é unha actividade formativa que naceu da necesidade da Vicerreitoría de Investigación de dar a coñecer o selo de calidade na investigación HRS4R”, explica Mª Ángeles Villar, técnica superior de apoio aos programas de Formación e Innovación Educativa, que apunta que dentro das liñas de acción do selo leváronse a cabo diferentes actuacións que quedaron algo inconexas e que era necesario abordar o selo como un conxunto.

O curso, que ten un número máximo de participantes de 200, celebrarase en tres modalidades: presencial, no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, e virtual streaming, os días 7 e 8 de maio; e virtual diferido, a través de FaiTIC, do 10 ao 16 de maio. “Elixíronse diferentes modalidades para facilitar a participación de diferentes perfís, PDI, PI, PAS, alumnado de doutoramento…e porque o deseño do curso o permitía”, sinala a técnica superior, que explica que a formación está tendendo a novos formatos máis adaptados ás necesidades das persoas destinatarias.

Oito horas para abordar os principais eixos do HRS4R

No curso, coorganizado polas vicerreitorías de Investigación e de Organización Académica e Profesorado, trataranse ao longo de oito horas “os principais eixos de selo HRS4R, que son os contidos dos códigos de conduta, a Carta do Investigador/a e clarificar as prácticas OTMR (Open, Transparent and Merit-based Recruitment) na contratación”, detalla Mª Ángeles Villar. Ademais de describir as principais actuacións da estratexia HRS4R e asociala coa Axenda 2030, da man de diversos relatores e relatoras, no curso tamén se abordará o impacto da estratexia na Universidade de Vigo e identificaranse os servizos da rede Euraxess en relación a catro eixes: oportunidades laborais, servizos personalizados, redes e bases de colaboración e soporte de implantación da estratexia C&C  (Código de conduta e Carta do Investigador/a) e H2020.