DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impartido polos investigadores do Grupo de Tecnoloxía Enerxética

O persoal da rede de concesionarios oficiais de Yamaha Motor España asiste a un curso no campus

Sobre mantemento do sistema eléctrico dos últimos modelos de motos de auga

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI 07/02/2019

O persoal da rede de concesionarios oficiais Yamaha Motor España de motos de auga asiste esta semana na Escola de Enxeñería Industrial a un curso de formación sobre mantemento do sistema eléctrico dos últimos modelos de motos acuáticas lanzadas ao mercado por esta marca. A iniciativa xurde como encargo desta recoñecida firma de motos ao Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo, cuxos investigadores se encargaron de impartir a docencia coa colaboración do propio persoal de Yamaha e da empresa viguesa JetVigo, especializada en motos acuáticas.

“A idea é darlle unha formación actualizada en todo o relativo ao sistema eléctrico e electrónico dos novos modelos de motos”, apunta Jacobo Porteiro, investigador responsable deste curso, quen explica que a relación con Yamaha hérdase da colaboración que mantiña esta empresa co profesor Santiago Murillo, recentemente xubilado, “quen fixo moito por manter unha excelente relación e por garantir que esta relación continuase”.

Esta é a primeira vez que se organiza este curso no campus, aínda que se todo sae segundo o previsto, a idea é lanzar novas convocatorias. Neste caso realizáronse dúas edicións, con15 participantes en cada unha delas –unha martes e mércores e outra xoves e venres-. “Desde o Grupo de Tecnoloxía Enerxética sempre tentamos manter o contacto directo coa industria e este tipo de actividade é outro xeito máis de transferir coñecemento e de colaborar con ela”, explica Porteiro, quen tamén valora moi positivamente o feito de que as empresas vexan a Universidade de Vigo “non só como un socio para os seus proxectos de innovación e desenvolvemento, senón tamén como un lugar axeitado no que formar aos seus profesionais”.