DUVI

Diario da Universidade de Vigo

2303 PDI e PAS entregaron o martes os test de saliva, o 79,1% do total de convocados

O persoal da UVigo participa masivamente na realización das probas PCR

En breve iniciarase tamén a realización das PCR semanais ao alumnado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 08/10/2020

O persoal da Universidade de Vigo participou esta semana masivamente na realización dos test masivos PCR sobre saliva, unha resposta que dende o equipo de goberno foi valorada como “tremendamente positiva”. En total foron 2303 os traballadores e traballadoras que o martes se achegaron ás conserxarías dos seus centros para entregar as probas, o que supón un 79,1% das persoas convocadas. “Son datos que amosan que o noso persoal está preocupado pola situación sanitaria que estamos a vivir e que é tremendamente responsable”, explica o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez.

A participación rexistrada foi moi similar nos tres campus. No caso de Vigo estaban chamadas a realizar as probas 1929 persoas e, finalmente, entregaron os kits 1538, un 79,7% do total; en Ourense entregaron os tubos 441 persoas dun total de 578 (76,3%) e, en de Pontevedra 324 de 403, acadando neste caso o 80,4% de participación.

O persoal do parque móbil foi o encargado de recoller nos centros dos tres campus as caixas coas mostras para trasladalas ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se procedeu ao seu procesado. Os resultados coñeceranse nas próximas horas e, no caso de confirmarse algún positivo, seralle comunicado á persoa afectada.

200 PCR aleatorias por semana

Tras esta avaliación inicial de todo o persoal universitario, o equipo de goberno ten previsto levar a cabo un seguimento periódico que se prolongará durante todo o curso e no que en todo momento se seguirán as recomendacións das autoridades sanitarias. A idea é realizar un total de 200 PCR aleatorias por semana, neste caso centradas principalmente no alumnado. Neste sentido, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, ten reiterado en diferentes ocasións que serán probas “moi flexibles” que se adaptarán á situación sanitaria que haxa en cada momento.