DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso semipresencial sobre convivencia que se desenvolverá entre o 24 e o 28 de maio

O persoal da UVigo poderá aprender a xestionar conflitos na contorna laboral

O prazo de inscrición está aberto ata o 12 de maio

Etiquetas
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/04/2021

Xestionar e organizar equipos de traballo require de certos coñecementos e habilidades que, en moitos casos, as persoas que ocupan os postos de coordinación non teñen. Para paliar esta necesidade de formación, a Universidade de Vigo pon en marcha un curso complementario, eminentemente práctico, que ten como finalidade que as persoas traballadoras desenvolvan capacidades relacionadas coa convivencia a xestión de conflitos que sexan aplicables dunha forma directa e inmediata aos seus postos. 

O obxectivo é promover a convivencia dentro da institución, fomentar a visión construtiva da controversia e os conflitos na institución e incentivar o emprego de dunha linguaxe amigable, tanto verbal como non verbal. Trátase tamén de desenvolver competencias para desactivar a escalada do conflito e de promover a mediación. A través deste tipo formación búscase que as persoas asistentes adquiran competencias que lles permitan recoñecer os tipos de conflito así como as súas propias capacidades para desactivar a escalada do conflito destrutivo. Isto tamén lles permitirá saber cando cómpre solicitar a intervención dunha persoa mediadora.

Vinte horas de formación

Esta acción formativa está dirixida de xeito conxunto ao persoal docente e investigador e ao persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo. Dentro do PAS, os destinatarios por orde de preferencia serán o persoal fixo que ocupe postos de xefatura de servizo ou responsables de unidade, de administración de ámbito ou campus, de coordinación e de xefatura de sección. 

O curso comprenderá 12 horas teóricas e 8 prácticas, que terán lugar entre o 24 e o 28 de maio de 2021, en horario de 10.00 h. a 14.00 h. Se as condicións derivadas da pandemia o permiten, as sesións do 24 e o 26 impartiranse na modalidade en liña e as demais serán presenciais na aula 6 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus de Vigo. Noutro caso poderán ser todas en liña. Das 30 prazas que se convocan, 15 corresponden ao PAS; en caso de non cubrirse, as prazas poderán completarse coas solicitudes do outro colectivo. 

O programa formativo comprende bloques temáticos relacionados coa convivencia na Universidade e a resolución construtiva de conflitos; procesos psicolóxicos básicos, controversias e conflitos: o procesamento da información e o poder da linguaxe; conflito: tipos, resolución; intervención de terceiras persoas: a mediación e técnicas e habilidades de mediación para legos. A docencia correrá a cargo de Francisca Fariña, catedrática da Universidade de Vigo; as profesoras contratadas doutoras da Universidade de Vigo Mª José Vázquez e Blanca Otero; as profesoras titulares da Universidade de Santiago de Compostela Mercedes Novo e Dolores Seijo; Manuel Rosales, profesor contratado doutor da Universidade da Laguna e Leticia García Villaluengo, profesora titular da Universidade Complutense de Madrid.

O prazo de inscrición está aberto ata o 12 de maio debendo efectuarse a través de Bubela, dentro dos cursos ofertados polo Servizo de PAS.