DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo os resultados do Estudo de inserción laboral das persoas tituladas na UVigo no 2020/2021

As persoas cun título de doutoramento teñen maior taxa de ocupación, tardan menos tempo en atopar traballo e teñen maiores ingresos

Pola contra, os contratos fixos ou indefinidos son maioritarios entre quen cursa graos ou mestrados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • Estudantado
  • Publicacións
  • Reitor
  • Universidade e empresa
  • Só para o DUVI
M. Del Río DUVI 23/09/2024

As egresadas e egresados da Universidade de Vigo que contan cun título de doutoramento tardan menos tempo en atopar traballo, teñen unha maior taxa de ocupación e tamén uns ingresos maiores. Así se desprende do Estudo de inserción laboral das persoas tituladas en estudos oficiais de grao, mestrado e doutoramento da UVigo no curso 2020/2021 presentado este luns no edificio Redeiras. O informe foi realizado polo Observatorio de Persoas Tituladas co apoio do Consello Social da UVigo durante o ano 2023 e recolle os resultados dunha enquisa na que participaron 800 egresados e egresadas nese curso nos tres niveis de estudos que se imparten na institución académica viguesa.

Os encargados de dar a coñecer as conclusións foron Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Luis Espada, director do Observatorio de Persoas Tituladas e Víctor M. Martínez Cacharrón, técnico/analista de datos do Observatorio de Persoas Tituladas. 

Unha inserción laboral superior á media

O reitor da Universidade, Manuel Reigosa, recoñecía estar satisfeito cos resultados do estudo, que amosa que a taxa de desemprego das e dos egresados de doutoramento no curso 2020/2021 é do 2,7%, mentres que para as e os que completaron un mestrado é do 11,2% e para as e os de grao, do 8,5%. Isto implica, segundo, Reigosa, que os datos de inserción laboral das e dos titulados da UVigo “son superiores á media e, ademais, demostra que cantos máis estudos se cursan, máis posibilidades de atopar emprego”. O reitor tamén valorou moi positivamente o nivel de satisfacción cos estudos realizados, que segundo explicou Luis Espada, nunha escala de 1 a 5, é maior en doutoramento (4,07) ca nos mestrados (3,50) e graos (3,43). A enquisa tamén preguntou ás e aos agresados se recomendarían os estudos realizados na UVigo e a satisfacción segue un padrón similar: en doutoramento é maior cas nos mestrados: 4,13 nos primeiros, 3,52 nos mestrados e 3,40 nos graos. “Gustaríanos chegar ao 5, pero os datos son satisfactorios, así que seguiremos a traballar para mellorar”, recalcaba Reigosa.

Para execución dos traballos o observatorio contou coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade; a dirección da Escola Internacional de Doutoramento (Eido), a Área de Calidade, a Unidade de Análises e Programas e o Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao. A todos eles agradeceu a colaboración o director do observatorio Luis Espada, mentres que o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, reafirmou o seu compromiso para seguir apoiando este tipo de estudos que o observatorio comezou a facer en 2014 e que “nos sitúan como unha universidade pioneira en España”.

Un estudo pioneiro e único

Os resultados presentados abarcan a empregabilidade das persoas graduadas en todos os estudos oficiais que integran a oferta académica da UVigo: un total de 121 titulacións e programas de doutoramento. Por isto, o director do observatorio, Luis Espada,  recalcaba que “estamos perante un estudo pioneiro e único no Sistema Universitario de Galicia e extraordinario, por pouco frecuente, no Sistema Universitario de España, pois, nun acto de total transparencia, divulga información da inserción laboral de todos os egresados en estudos oficiais ofertados por unha universidade pública para o mesmo curso de egreso (2020/2021)”. 

Principais resultados

Luis Espada foi o encargado de debullar os datos polo miúdo e comezou pola división por xénero, que amosa que as mulleres son maioría nos tres niveis; 58,4% nos graos, 56,2% nos mestrados e 56,8% nos doutoramentos. No que atinxe ás ramas de coñecemento, o eido xurídico-social é o maioritario, xa que o alumando das titulacións desta rama representa un 55,4% no caso dos mestrados; un 43,7% nos graos e baixa ao 35,1% no doutoramento. Os autores do estudo destacan un “significativo maior peso da rama científica en doutoramento (30,6%), chegando a triplicar a súa presenza en graos e mestrados (8,5-9%). A rama tecnolóxica é menos frecuente en doutoramento (17,1%) que en graos e mestrados (24-25%).

Un dos datos máis relevantes da análise é a taxa de ocupación, que é “directamente proporcional ao nivel dos estudos”: 95,5% para as persoas cun doutoramento; 76,7% para quen conta cun mestrado e 71,3% para os titulados e tituladas de grao. Tamén é relevante o tempo que tardan as e os egresados en atopar emprego tras rematar os seus estudos, que é “significativamente menor en doutoramento (1,88 meses), seguido por mestrados (4,29 meses) e graos (5,33 meses)”, salientaba Luis Espada.

Respecto do tipo de emprego, o traballo en Galicia é máis frecuente en mestrados (84,8%) e graos (76,6%) que en doutoramento (56,2%). Así, hai máis doutores e doutoras empregados no estranxeiro (29,5% en 13 países) que noutras comunidades autónomas (14,3%), pero iso tamén responde, como puntualizada Espada, á cantidade de estudantes de doutoramento estranxeiros que unha vez rematados os seus estudos regresan aos países de orixe. 

Sobre o tipo de contrato, os fixos/indefinidos son maioritarios en mestrados (70,0%) e graos (62,3%), mentres que en doutoramento a porcentaxe baixa ao 49,1%. Os contratos temporais ou de duración definida afectan máis a mulleres que homes en graos e mestrados, sen mostrar diferenzas en doutoramento. Ademais, hai más empregados e empregadas por conta propia en mestrados (8,1%) e doutoramento (5,7%) que en graos (2,6%). Analizando os datos en relación á categoría profesional, e os empregos con categorías profesionais con responsabilidade sobre outras persoas en doutoramento (32,4%) duplican aos graos (15,4%) e superan aos mestrados (21,3%).

O estudo tamén abrangue a análise dos aspectos económicos, e os resultados amosan que os ingresos medios son maiores no caso das e dos egresados de doutoramento (2419,54€), respecto dos mestrados (1579,71€) e graos (1396,74€).

Tamén se preguntou na enquisa sobre a sobrecualificación, é dicir, persoas que teñen un nivel académico adquirido na UVigo superior ás exixencias profesionais de seu posto de traballo. Os resultados amosan que afecta significativamente máis ás persoas que teñen un doutoramento (45,7%) que ás que completaron un mestrado (22,3%) ou un grao (22,6%).

O estudo, que se pode consultar dende hoxe na web do observatorio, consta de tres informes finais, un por cada tipoloxía de estudos e os correspondentes resumos executivos. Cada informe contén unha análise en detalle dos resultados das enquisas de inserción laboral aplicadas consistente en múltiples comentarios sobre os resultados obtidos en función de diferentes variables de segmentación, así como 1574 cadros, 141 anexos e 31 mapas.