DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo anunciaron os delegados das universidades na CIUG tras unha reunión no CRE da ONCE

As persoas con discapacidade disporán de reserva de prazas na segunda convocatoria da ABAU

Tamén contarán con prazas nos dobles graos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Pontevedra 14/12/2018

As persoas con discapacidade disporán desde este curso de reserva de prazas nas titulacións do Sistema Universitario Galego na segunda convocatoria das probas de acceso á Universidade, a ABAU, á vez que disporán tamén de reserva de prazas nos dobres graos que se imparten nas tres universidades. Así o anunciaron este venres os delegados na Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) das universidades de Vigo, Iván Area, e Santiago de Compostela, Celso Rodríguez, trala xuntanza que mantiveron cos responsables do Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Pontevedra, onde desde hai 25 anos realizan as probas de acceso persoas con discapacidade de toda Galicia.  

Como explicou Area en rolda de prensa, existen “diferentes cotas de acceso” ás titulacións universitarias, polas que se reservan prazas a persoas maiores de 25 ou 45 anos, a titulados e tituladas ou a deportistas de alto nivel, así como a persoas con discapacidade. Non obstante, matizou, “detectamos que había algunhas discriminacións xustamente para as persoas discapacitadas e estivemos traballando para que estas non persistan no tempo”. Deste xeito, desde o presente curso as persoas con discapacidade que superen a ABAU (Avaliación do Bachalelato para o Acceso á Universidade), na súa segunda convocatoria, que tradicionalmente se celebraba en setembro e que en 2019 terá lugar en xullo, terán reserva de prazas, ao igual que disporán desta, por primeira vez, nos máis de 20 dobres graos que se imparten en Galicia, dez na USC, sete na UDC e catro na Universidade de Vigo. “Pensamos que é un salto importante que pode axudar a eliminar certas discriminacións”, salientou Area, mentres que Celso Rodríguez incidiu en que, máis aló desta cuestión, “é necesario que impulsemos unha reforma lexislativa” para que o real decreto que regula estas cotas de acceso recolla o seu mantemento para a segunda convocatoria da ABAU, en lugar da acumulación das prazas vacantes ao cómputo xeral.

Por outra banda, Area tamén anunciou, trala xuntanza mantida co director do CRE, José Angel Abraldes,e o instrutor tilfotécnico deste centro Pablo Vilariño, outra novidade en relación ao acceso das persoas con discapacidade a estas probas, ás que se solicita que antes do 4 de febreiro remitan á CIUG “un informe do seu centro sobre as adaptacións que se lles están facendo”. Isto, sinalou, permitirá á comisión “preparar todas as adaptacións de medios que necesiten”.

25 anos de colaboración

Previamente, os representantes da CIUG trasladaran aos responsables do CRE o seu agradecemento pola “axuda e colaboración desinteresada” que desde hai 25 anos prestan neste centro “para que persoas con discapacidade de calquera tipo” poidan realizar as probas de acceso á Universidade “con todas as adaptacións que necesitan”, agradecemento que Area quixo facer extensivo á presidenta da Comisión Delegada da CIUG no centro, María Dolores Vázquez Froján, así como ao seu anterior responsable, Juan Luis Saco Cid. 

José Angel Abraldes, pola súa banda, quixo pór en relevo “a sensibilidade que a CIUG tivo hai xa 25 anos” e que permitiu desde entón a cooperación cun centro que neste 2018 celebra o seu 75 aniversario, no que se examinan cada ano persoas con diferentes tipos de discapacidade de toda Galicia. “Permitiu que a preocupación dos estudantes que viñan facer a selectividade fose o coñecemento do temario ao que se enfrontan e non a incerteza de como van facer o exame”, engadiu Abraldes, quen se felicitou porque esa “sensibilidade siga xerando avances” como as medidas anunciadas nesta xornada polos delegados da CIUG.