Sergas, Universidade e seis entidades sociais formalizaron os acordos de colaboración
As persoas voluntarias da UVigo poderán incorporarse ao servizo de acompañamento hospitalario na área sanitaria viguesa
Apoio ás familias, entretemento ou soporte práctico son algunhas das actividades contempladas
A lectura dun libro, a substitución temporal de familiares, o acompañamento en probas médicas, a conversación e a escoita activa ou a presenza afectiva nos momentos finais da vida son algunhas das actividades especificas que as persoas voluntarias da Universidade de Vigo poderán desenvolver ao abeiro do programa de voluntariado de acompañamento hospitalario na área sanitaria viguesa. A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato; o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, foron os encargados de formalizar este mediodía o acordo de colaboración para a posta en marcha do servizo de acompañamento hospitalario, no que tamén participarán persoas voluntarias de seis entidades sociais: a Asociación Española Contra o Cancro (AECC), a Asociación de cáncer infantil e xuvenil de Galicia (Asanog), Acción solidaria de Galicia (Asdegal), a Asociación Bicos de Papel, a Fundación ADRA e Cruz Vermella.
“Galicia é tremendamente xenerosa e solidaria e iniciativas como esta veñen a mellorar a calidade de vida na nosa comunidade”, sinalou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, que puxo en valor a importancia deste tipo de programas ante o envellecemento da poboación galega e á alta porcentaxe de pacientes que sofren unha enfermidade crónica. Lobato, que agradeceu ás entidades e aos seus voluntarios a súa implicación nesta iniciativa que ten o obxectivo de mellorar o benestar das e dos pacientes da área sanitaria de Vigo, lembrou que este programa funciona desde o ano 2020 noutras áreas sanitarias de Lugo (A Mariña e Monforte de Lemos) e Ourense (Verín e O Barco de Valdeorras), cunha participación próxima aos 150 voluntarios e voluntarias.
Media ducia de liñas de acompañamento, apoio, entretemento e soporte
As persoas voluntarias da UVigo que desenvolvan a súa actividade nos hospitais da área sanitaria de Vigo poderán tomar parte en actividades de acompañamento emocional, como conversación e escoita activa; lectura de libros ou prensa; estimulación cognitiva e apoio e momentos difíciles. No caso do acompañamento social as accións contempladas son paseos e xestións dentro do hospital; chamadas ou vídeo chamadas con familiares e celebración de días especiais.
As e os voluntarios tamén poderán participar en actividades de apoio a familias e coidadores, substituíndoos de xeito temporal ou achegándolles información básica sobre recursos do hospital. Entretemento e benestar (manualidades sinxelas ou proxección de películas); soporte práctico (apoio na alimentación ou acompañamento a probas médicas) e actividades de despedida e dó (acompañamento nos últimos días ou apoio aos familiares no proceso) completan a relación de accións que o persoal voluntario poderá desenvolver, axustándose sempre ás necesidades do paciente e baixo a coordinación do persoal sanitario do hospital.