DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recoñecido filólogo e teólogo, foi decano da extinta Facultade de Humanidades

Pesar na Facultade de Filoloxía e Tradución polo falecemento do catedrático don Celso Rodríguez

Desde o Departamento de Filoloxía Galega e Latina lembran a súa valía como mestre e persoa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 11/06/2021

A comunidade universitaria recibiu este venres a triste noticia do falecemento do catedrático de latín xubilado Celso Rodríguez Fernández, coñecido por todas e todos como don Celso, falecido onte xoves, con 89 anos, despois dunha longa enfermidade.

Tal e como lembran os seus compañeiros e compañeiras do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, don Celso foi catedrático de latín na Universidade de Vigo, nunha “longuísima vida docente universitaria”, que encetou en 1966 en Salamanca, continuou en Compostela e terminou en Vigo no ano 2010. Pero cando don Celso iniciou a súa carreira como latinista, levaba xa realizado un notable labor como teólogo, área en que se doutorara en 1961 na Universidade Gregoriana de Roma. “Esta dupla formación, como teólogo e como filólogo, cimentaba a súa autoridade como experto en latín medieval e en historia da liturxia”, lembran desde o departamento, ao tempo que recordan que a el se lle debe a publicación de obras como o Antifonario Visigótico de León, a Paixón de San Pelaxio ou a Paixón de Santa Columba do Códice Pasional da Catedral de Tui.

Mestre de miles de docentes de humanidades

Cando se creou o Colexio Universitario de Vigo, apéndice da universidade compostelá do que xurdiría a actual Universidade de Vigo, don Celso iniciou a súa docencia nesta cidade, non só como profesor de latín, senón tamén como xefe da sección de Filoloxía. Máis tarde, entre 1994 e 1998, foi decano da Facultade que daquela se chamaba de Humanidades e que hoxe constitúe  Filoloxía e Tradución.

“Pódese dicir, sen esaxeración, que moitos miles de profesores de humanidades, tanto de bacharelato coma de universidade, foron discípulos seus nun momento ou outro dos seus estudos, e eles/as son o mellor testemuño da súa valía como mestre e como persoa”, salientan desde o departamento. “Sabemos que don Celso, un humanista cristián convencido da perfecta conciliación entre razón e fe, non querería que estivésemos tristes neste momento. Os que fomos os seus compañeiros e os seus discípulos recordamos agora a súa tolerancia e simpatía, e a calor deste recordo agarímanos neste momento de tristura”.

Despedida na catedral de Tui

O velorio terá lugar no tanatorio de Guillarei e a misa funeral celebrarase na catedral de Tui mañá sábado ás 11.00 horas.