DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CC Xurídicas e do Traballo acolle un seminario sobre dereito e psicoloxía do menor e a familia

Pese a gañar peso nos últimos anos, a custodia compartida limítase ao 30% das rupturas

Ao longo de dous días tamén se abordarán cuestións como maternidade subrogada e mediación familiar

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
D. Besadío DUVI 08/11/2018

En 2007 só o 9,7% dos divorcios terminaba cunha custodia compartida dos fillos menores de idade; en 2012 a porcentaxe era do 14,6%; en 2014 medraba ata o 21,2% e en 2017 esta cifra ascendeu ao 30,2%. En só unha década esta modalidade de atención aos fillos en caso de divorcio triplicouse, se ben, a opción maioritaria segue sendo a concedida en exclusiva á nai  (65%) e só no 4,4% dos caos dos procesos de custodia se outorga ao pai. Estes foron algún dos datos expostos este xoves nunha mesa redonda sobre custodia compartida en España na que especialistas en Dereito Civil de diferentes universidades fixeron un detallado debuxo de como é a día de hoxe a praxis xudicial con respecto a situación dos menores cando se produce unha ruptura familiar. Como conclusión xeral, unha e clara: cada caso é único, non hai solucións máxicas, pero ante todo e sobre todo, o mellor réxime de custodia é aquel que máis beneficia e protexe ao menor, eixe fundamental que debe rexer todas as resolucións xudiciais neste sentido.

Participaron no debate a profesora da Universidad Autónoma de Madrid Nieves Moralejo; o profesor da Universidade da Coruña Rafael Colina e a profesora da Universidade de Vigo Helena Martínez Hens. Eles foron os encargados de lembrar que a custodia compartida, habitual en diferentes países europeos, foi incorporada ao Código Civil español no ano 2005, pero, a diferenza doutros lugares, en España só pode outorgarse cando, polo menos, a pide un dos proxenitores, unha cuestión non pouco controvertida e que, de feito, ten dado lugar a certas incongruencias procesuais, no sentido de que son xa numerosas as sentenzas determinando a idoneidade do réxime da custodia compartida, aínda que non fose solicitada por ningún dos proxenitores.

“O interese do menor non pode quedar obstaculizado pola aplicación literal dunha norma”

“A efectiva consecución do interese do menor non pode quedar obstaculizada pola aplicación literal dunha norma, do contrario quítaselle ao xuíz a posibilidade de valorar o que resulta máis vantaxoso para o menor, e déixase esta decisión só na man dos proxenitores”, subliñou Colina na mesa redonda, ao tempo que fixo fincapé en que o conflito que ten que haber entre os pais para que impida un réxime de garda e custodia compartida ten que ser moi serio e irreconciliable e afectar negativamente ao interese do neno ou nena. “De non ser así eu non vexo inconveniencia algunha no réxime de custodia compartida aínda que non o solicitase ningún dos proxenitores”, recalcou o experto, quen non tivo reparos en defender que debería ser o propio xuíz o que a determinase “sempre e cando quedase poderosamente acreditado que esa é a medida máis efectiva para o benestar do menor”. 

Desde o punto de vista da profesora Nieves Moralejo o máis importante para que a custodia compartida funcione é que haxa unha fonda relación de respecto mutuo entre os proxenitores. “A colaboración entre ambos vólvese necesaria e imprescindible e, se isto non é así, é cando todo acaba fracasando”, recalcou a experta. 

No caso da profesora Martínez Hens, partidaria tamén de dar liberdade ao xuíz para que sexa el o que decida, fixo fincapé na necesidade de atender sempre o “caso concreto”. Segundo defendeu, a custodia compartida non implica “como ás veces se pensa”, un reparto equitativo dos períodos, ou que estes sexan semanais, “aínda que isto acostuma ser o máis útil”, tampouco que teña que ser no mesmo fogar ou que o uso da vivenda se atribúa un tempo a un dos proxenitores e outro tempo a outro. “Por outra banda, tampouco teñen por que desaparecer con ela a pensión alimenticia e a compensatoria”, recalcou Hens.

Principais problemas do Dereito da familia

Esta mesa redonda serviu de motor de arranque do Seminario internacional Dereito e psicoloxía do menor e familia: problemática actual, dirixido polas profesoras Helena Martínez Hens e Esther Pillado e que durante dous días reunirá na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo un destacado número de especialistas, procedentes tanto do mundo académico como da xudicatura, que terán a posibilidade de afondar nas cuestións máis habituais que  os xulgados abordan na actualidade con respecto ao mundo da familia. Entre o público, moitos avogados/as, psicólogos/as e traballadores/as sociais, fundamentalmente alumnado do Programa de Doutoramento en Xestión e Resolución de Conflictos. Menores, Familia e Xustiza Terapéutica, dirixido por Pillado. 

“Coa organización deste seminario queremos abrir un debate sobre cuestións problemáticas actuais no Dereito da familia e de protección de menores, tendo en conta que é un eido no que ten habido numerosos cambios”, salientou Esther Pillado, que foi a encargada de inaugurar as xornadas. “A situación da familia cambiou por completo nos últimos anos e buscamos que o noso alumnado se achegue as principais problemáticas que se dan na actualidade”, recalcou  a directora, que puxo como exemplos a custodia compartida, a maternidade subrogada ou temas relativos ao proceso de incapacitación de persoas maiores, incluíndo a problemática do internamento non voluntario e a desherdanza de descendentes. Ao abeiro de todas estas cuestións, especialmente aos conflitos que xurde nas familias ante un proceso de nulidade, separación ou divorcio, Pillado salientou a importancia de recorrer aos servizos de mediación, un proceso alternativo á vía xudicial e no que a porcentaxe de resolución de conflitos é moi elevada.