DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo as estimacións do Foro Económico de Galicia

O PIB galego pechará o ano cunha caída de entre un -8,5 e un -12,7%

Os expertos consideran que a cifra pode situarse "máis preto do escenario optimista"

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 20/07/2020

“Se non se produce un novo confinamento semellante ao do mes de abril, a economía galega pechará o ano cunha baixada do seu Produto Interior Bruto (PIB) entre un -8,5 e un -12,7% e, tendo en conta os datos dispoñibles sobre a evolución dos indicadores económicos da comunidade, probablemente, máis preto da primeira cifra que da segunda”. Esta é a previsión feita pública este luns polo Foro Económico de Galicia, entidade xestionada polo Grupo Gen da Universidade de Vigo. 

Tres escenarios

O equipo de traballo que realizou a previsión, integrado por José Francisco Armesto, Fernando González Laxe, Santiago Lago e Patricio Sánchez, indican en nota de prensa desde o foro, “inclínanse por unhas previsións que se corresponden coa franxa intermedia adiantada na anterior entrega do informe do 8 de maio”. Nesa análise do impacto da covid-19 na economía galega, o Foro Económico de Galicia, lembran desde a entidade, define tres escenarios. “No primeiro o proceso de recuperación é relativamente rápido e fluído mentres que no segundo os efectos van máis alá do propio confinamento e da imposibilidade de traballar, alterando o funcionamento normal da economía tamén no terceiro e cuarto trimestre”, sinalan os expertos. Nestes dous casos, “a contracción da actividade económica galega oscila entre o 8,5% do PIB no primeiro escenario e o 12,7% no segundo”. 

Un terceiro escenario considerado polos expertos do Foro Económico de Galicia “tería como obxectivo pór en evidencia o efecto demoledor que tería un segundo confinamento tras o verán, similar ao vivido no segundo trimestre do ano”. “Replícase o primeiro escenario, incluíndo un confinamento adicional a final de ano cun impacto similar ao vivido, de xeito que dunha caída do PIB do -8,5% pasaríamos a un -18,9%. Esta última opción aínda non se debe dar por descartada ao tenor dos múltiples brotes que se están a producir en todo o estado”, advirten desde a entidade.

Heteroxeneidade do impacto

Todas as comunidades autónomas, destacan na súa análise desde o Foro Económico de Galicia, “vense afectadas por unha contracción se precedentes, se ben cabe mencionar a heteroxeneidade do impacto atendendo fundamentalmente á estrutura produtiva de cada territorio e tamén aos tempos nas fases da desescalada”. Neste senso, engaden, “varios factores xogan favor da economía galega”. Primeiro, indican, é o feito de ter sido a primeira comunidade en saír do estado de alarma e entrar na nova normalidade. En segundo lugar engaden “un maior peso da industria agroalimentaria (a menos afectada pola covid-19) e unha menor relevancia do turismo respecto da media española. Por último, en terceiro lugar sinalan que “a recuperación do sector da automoción está sendo máis rápida en Galicia”.
 
Sobre a fiabilidade destas estimacións, desde a entidade responsable salientan como “das cinco institucións que achegan previsións sobre o crecemento da economía galega, o Foro Económico de Galicia é a que amosa un maior nivel de acerto nos últimos tres anos. Nomeadamente, a desviación media con respecto ao crecemento oficial foi dun 0,33% fronte ao 0,50% de Funcas e 0,53% de BBVA Research”.