DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un informe presentado polo Observatorio Económico Ourensán

O PIB da provincia medrou un 1,94% en 2019

O crecemento está liderado pola industria manufactureira e o sector servizos

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 12/02/2020

“O Produto Interior Bruto (PIB) da provincia medra un 1,94%, chegando aos 6441 millóns de euros, coa industria manufactureira e o sector servizos liderando o crecemento”. Esta é unha das conclusións do balance 2019 do Observatorio Económico Ourensán presentado este mércores por Andrés Mazaira, profesor da Universidade de Vigo e director deste observatorio, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense.

Segundo explican en nota de prensa desde o órgano provincial, Andrés Mazaira detallou na presentación que no que atinxe ao PIB provincial “confírmase a recuperación xeral que experimenta a provincia dende o ano 2014, data na que se percibiron xa cifras de recuperación económica”. O PIB provincial, detallou, chegou ata 6441 millóns de euros no ano 2017, último dato dispoñible, cun crecemento do 1,94% en tasa interanual. Pese a esa circunstancia, explicou o profesor, “detéctase que a velocidade de crecemento experimenta unha desaceleración en termos comparables cos exercicios de 2016 e 2015, con aumentos do 4,27% e 2,80%, respectivamente, pero mellora o PIB anterior á crise, xa que se cuantificaron 6262 millóns no ano 2008”. Por sectores de actividade, o balance recolle como foi a industria manufactureira a que capitaliza un incremento maior, cun 8,4%, achegando 665,8 millóns de euros ao PIB provincial.

Das exportacións á demografía

Entre outras moitas cuestións, o documento presentado tamén destaca que “a competitividade empresarial demostra a fortaleza das exportacións, cun saldo positivo ata o mes de novembro de 268 millóns”. As empresas, detállase, venderon fóra entre xaneiro e novembro por valor de 816 millóns de euros. O observatorio tamén reflicte, segundo explican desde a Deputación de Ourense, que o ano pasado a provincia rematou con máis de 102.000 afiliados á Seguridade Social. “O desemprego mantivo a súa tendencia á baixa no ano 2019, pechando o exercicio con 18.359 parados fronte aos 19.099 do ano anterior”, indícase.

Desde o punto de vista demográfico, o balance presentado este mécores detecta unha “desaceleración do desequilibrio demográfico, sustentado nas seguintes variables: hai unha menor perda de peso relativo da poboación ourensá sobre a total galega desde o 2010 (-0,05 %), un menor  crecemento da poboación ourensá no exterior e, por primeira vez desde o ano 2010, hai unha comarca (Terras de Celanova) que gaña poboación intranual".