DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este martes a celebración do Día Mundial da Auga

Pinga a pinga, construíndo o futuro

Case 400 escolares coñeceron a importancia deste recurso para a sociedade en xeral e para a Universi

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 29/03/2016

A auga é un elemento esencial para a vida. Só por iso xa ten máis que gañado o feito de que cada ano se lle dedique un Día Mundial da Auga. No caso da Universidade de Vigo este compromiso vese acentuado pois conta, atendendo ás características da contorna onde se insire, con dous proxectos de especialización relacionados con este recurso, como son o Campus da Auga e o Campus do Mar. Este martes, o campus de Ourense, o Campus da Auga, acolleu o acto central de celebración na institución académica do Día Mundial da Auga reunindo a case 400 escolares que por unhas horas tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man como este elemento é fundamental na construción do futuro e como nesa construción se traballa desde o eido académico, a través da investigación e da formación. “A auga é fonte de solucións de moitos problemas e fonte de futuro para todos”, díxolle Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, aos asistentes.

O futuro duns e doutros

A cita reuniu a estudantes de Bacharelato, Educación Secundaria Obrigatoria e Ciclos Formativos de seis centros da provincia, como son o IES 12 de Outubro, o Colexio Plurilingüe Santa Teresa de Jesús-Carmelitas; O CPR Plurilingüe María Auxiliadora-Salesianos; o Colexio Plurilingüe Divina Pastora-Franciscanas; o CPR Santa María-Maristas, e o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel. Para darlle a benvida estiveron o reitor e Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense. O reitor explicoulle aos participantes o “proxecto de especialización gradual e intensa que está vivindo o campus de Ourense desde a posta en marcha do Campus da Auga” e como este proxecto é transversal, implicando a todas as áreas de coñecemento, desde a innovación educativa, a ciencia e a enxeñaría informática ata o dereito, a historia e as ciencias empresariais e o turismo. Recollendo o lema desta edición do Día Mundial da Auga, Auga e postos de traballo, Mato tamén lles recalcou aos estudantes presentes como nunha provincia na que auga ten un papel fundamental, este recurso tamén pode ser a súa fonte de empregabilidade futura. Na busca deste futuro, o reitor animou aos asistentes a coñecer neste día as oportunidades que teñen no campus de Ourense para quizais estudar nel nos vindeiros anos e sobre todo “para que vos sintades orgullosos do campus que tedes”.

Agradecendo aos centros e docentes a súa participación nesta conmemoración, Virxilio Rodríguez, salientou como a celebración desta data se trasladou do 22 de marzo ao 29 debido á súa coincidencia con Semana Santa. A todos os asistentes, o vicerreitor explicoulles o potencial da Universidade de Vigo e do campus de Ourense en particular, facendo fincapé “no proxecto de especialización integral do campus de Ourense como Campus da Auga para convertelo en líder na investigación e na docencia internacional en temáticas da auga”. A auga, subliñou, “é un elemento fundamental para esta provincia e de auga sabemos moito”. O vicerreitor tamén amosou o seu desexo de que entre os participantes estivesen moitos futuros alumnos e alumnas da institución académica polo que lles lembrou as características que fan único ao campus ourensán, desde o seu carácter urbano ata a súa intensa actividade deportiva e cultural. Co obxectivo de orientar ao alumnado sobre este potencial, os responsables dos centros do campus presentáronlle aos asistentes as diferentes titulacións que ofertan e as súas saídas profesionais e os responsables dos diferentes servizos e instalacións presentaron as súas actividades.

Achegándose ás múltiples facianas da auga

Trala presentación do Campus da Auga e a orientación académica, o acto contou coa realización de diversas actividades teóricas e prácticas nas instalacións e laboratorios do campus para darlle a coñecer ao alumnado, desde un punto de vista divulgativo, a investigación que se está a realizar no eido da auga. As investigadoras da Facultade de Dereito Belén Sánchez e Laura Movilla falaron do traballo que realizan desde o Grupo de Dereito Internacional Público en relación con este recurso. “A nosa liña de traballo principal neste eido é o tema dos acuíferos transfronteirizos, unha área de investigación pouco estudada pero moi relevante xa que arredor do 97% da auga doce do planeta é subterránea e non entende de fronteiras xeográficas”, subliñou Movilla, que realizou a súa tese de doutoramento sobre este tema.

Arno Formella, responsable do Grupo de Investigación LIA2 da Escola Superior de Enxeñaría Informática, foi o encargado de presentar de xeito moi visual o traballo realizado polos investigadores da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo no sistema de satélite HumSAT. O docente fixo fincapé no papel do alumnado universitario nestes proxectos e na súa importancia tanto para a institución académica como para a sociedade, poñendo exemplos concretos da utilidade deste sistema en aspectos relacionados coa auga. Por último, Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, foi a encarga de presentar o proxecto AquaTempo, no que docentes deste centro seleccionaron textos relacionados coa auga, cada un desde a súa área de traballo, e alumnado de mestrado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra transformounos en imaxes.

Paralelamente a estas exposicións, os estudantes puideron pórse na pel de investigadores e realizar unha cata de augas seguindo as indicacións de Concepción Pérez, Elena Falqué e Elena Martínez; facer cultivos no Laboratorio de Microbioloxía, con Luís Alfonso Rodríguez, Julia Carballo e María José Pérez, ou participar nun obradoiro, coordinado polo docente da Facultade de Dereito Roberto Bustillo, no que había que atopar resposta á pregunta de se é legal ou non construír unha casa nas dunas dunha praia. Ademais, o alumnado tivo a ocasión de facer un percorrido guiado polo docente da Facultade de Ciencias Eugenio López pola mostra As esferas da auga, producida polo CSIC e Aqualogy e que desde o pasado 15 de marzo está situada na entrada do Edificio Politécnico.

Premios para o alumnado

Para rematar a xornada, entregáronse os premios do concurso de foto-relato Campus da Auga-Scholaris, que nesta segunda edición levou por temática Auga e Dereitos Humanos, contando o acto coa participación de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, e de María Isabel Castelo, concelleira de Turismo e Termalismo de Ourense. Presentáronse ao certame 60 propostas, compostas por unha fotografía e un relato e feitas por estudantes de ESO e Bacharelato da provincia de Ourense. O xurado decidiu conceder o primeiro premio, dotado cunha tablet, a Isabel Rapela pola obra titulada O prezo do egoísmo. O segundo galardón, coa mesma dotación, foi para Lucía Bosquet, pola obra Adanna, e o terceiro, dotado cun lote de libros, foi para Alicia Rodríguez pola obra titulada Unha longa viaxe. As tres gañadoras pertencen ao Colexio Divina Pastora da cidade de Ourense.