DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Científicos da Universidade participan na primeira edición de 'Pint of Science' en Vigo

Unha pinta de ciencia para descubrir o traballo das e dos investigadores

O festival de divulgación científica celebrase do 14 ao 16 de maio no Café de Mario

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/05/2018

A iniciativa de dous investigadores do Imperial College de Londres de abrir en 2012 as portas dos seus laboratorios a persoas afectadas por varias enfermidades para que coñecesen o seu traballo, sentou as bases do que no ano seguinte foi Pint of Science, o primeiro festival de divulgación científica, no que as e os científicos achegan as súas investigacións nun formato accesible ao público en bares de todo o mundo. Entre os días 14 ao 16 de maio a cidade de Vigo sumarase por primeira vez a esta iniciativa que contará coa participación das e dos investigadoras e investigadores da Universidade África Gónzalez, Diego Fernández, Carlos Ardao, Verónica Montes e Jaime Aneiros, ademais de Jorge Mira da USC, que falarán sobre o desenvolvemento dos sentidos, a óptica e a fibra óptica e os impostos.

De xeito voluntario, un grupo de investigadoras e investigadores do Cinbio, encargáronse da organización do evento en Vigo “co obxectivo de que o noso traballo como científicos chegue ao resto da sociedade dun xeito sinxelo e distendido”, explica Galina Pinzaru, investigadora do Cinbio e responsable de comunicación do Pint of Science que se celebrará no Café de Mario. No resto de España celebraranse nas mesmas datas máis de 300 eventos nun cento de bares de case 60 cidades, coa participación de 700 científicas e científicos e case 400 persoas voluntarias na organización.

Unha oportunidade única para disipar dúbidas científicas

A catedrática África González será a primeira en participar no Pint of Science vigués o 14 de maio, a partir das 20.00 horas, para falar sobre o sistema inmunitario e a súa relación con sistema nervioso, mentres que o investigador de Cinbio Diego Fernández abordará a relación do cerebro coa música. Nesta primeira sesión titulada Desenvolvemento dos sentidos, actuará no descanso o grupo musical Maldito Murphy.

O 15 de maio o docente de investigador da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Carlos Ardao falará do impacto de Internet nos servizos esenciais, mentres que a investigadora de Cinbio Verónica Montes explicará o comportamento de metais coñecidos cando se transforman en nanopartículas. Nesta segunda sesión titulada A óptica e a fibra óptica haberá un show de maxia a cargo do Mago Alexis.

O Pint of Science en Vigo rematará o 16 maio cunha visión da sociedade actual na que o docente e investigador de Dereito Tributario e Financeiro Jaime Aneiros responderá á pregunta Están xustificados os impostos? Pola súa banda o docente da USC Jorge Mira ofrecerá unha charla titulada O formigueiro humano bilingüe: así nos fai elixir idioma. No descanso haberá unha partida de Trivial con regalos sorpresa de Pint of Science.

“Tendo en conta o éxito acadado noutras cidades confiamos en que o público se anime e se achegue a participar”, agarda Galina Pinzaru, que considera este evento “onde un científico fala do seu traballo de xeito ameno e próximo, unha oportunidade única de disipar dúbidas de todo tipo”, explica.