DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns inaugurouse o cadro do ex-reitor no edificio Ernestina Otero

O pintor Alfonso Costa retrata o Salustiano Mato “máis imaxinativo”

A imaxe pasa agora a formar parte “da pegada que un deixa nesta institución”

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Arte
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 29/04/2019

O pintor noiés Alfonso Costa foi o elixido polo catedrático Salustiano Mato para realizar o seu retrato como ex-reitor da Universidade de Vigo, pintura que foi presentada este luns no segundo andar do edificio Ernestina Otero, uníndose así a unha galería de cadros da que xa forman parte os lenzos de Luis Espada, realizado por Antón Pulido; José Antonio Rodríguez Vázquez, a cargo de Juan Fernando de la Iglesia; Domingo Docampo, do falecido Manolo Moldes e Alberto Gago, de José Lillo. Costa é autor tamén da cápsula do tempo, coa que a Universidade de Vigo conmemorou o seu 25 aniversario.

Acompañado polo actual reitor, Manuel J. Reigosa, e o seu equipo, así como por numerosos colaboradores dos seus anos de goberno, así como doutros membros da comunidade universitaria, Salustiano Mato, agradeceu na súa intervención “un momento como este no que se reflicte a honra que teño por ter merecido a confianza de dirixir esta institución durante varios anos”, ao que engadiu que esta obra, a que se referiu como “moi imaxinativa e colaborativa”,  pasa agora a formar “da pegada que un deixa nesta institución”.

Pola súa parte o autor da obra explicou que como profesional tentou facer a súa propia versión do homenaxeado. “Nos días de posado descubrín moitos rostros de Salustiano e decidín quedar co que a min me pareceu máis significativo ou, cando menos, co que máis me gustou, o que penso que é a súa versión máis soñadora”, recalcou o autor da obra, quen tamén explicou que realizou múltiples bosquexos e, tras deixalos ‘repousar’ uns días, decidiu quedar con aquel que mellor representaba ao “Salustiano imaxinativo sempre preocupado pola supervivencia do planeta Terra e cuns certos toques especiais”. Nunha imaxe chea de colorido, o retrato ten, segundo o seu autor, dous laterais ben diferenciados, “o dereito é o do mundo, o esquerdo o das ilusións” e está presidido por un amplo sorriso, “tranquilo e relaxado”, do seu protagonista.