DUVI

Diario da Universidade de Vigo

AQA Ourense celebra este xoves o seu aniversario

A piscina universitaria cumpre unha década con 3500 persoas abonadas

As instalacións están abertas a toda a cidadanía

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 14/02/2019

A piscina universitaria AQA Ourense está de celebración. Este xoves a instalación cumpre dez anos e faino compartindo con institucións e usuarias e usuarios esta conmemoración. A apertura desta instalación, indican desde a Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Área de Benestar, Saúde e Deporte, supuxo un salto de calidade na oferta deportiva do campus e da cidade de Ourense.

As instalacións foron visitadas este xoves por Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Mario Guede, concelleiro de Deportes de Ourense, por representantes da empresa concesionaria e por membros da comunidade universitaria. Desde a institución académica fíxose fincapé na visita en como a piscina completa a programación deportiva do campus ofrecendo non só actividades de auga senón tamén, grazas á súa ampliación, actividades dirixidas e de ximnasio. Ademais, engadiron a importancia de que a piscina, alén de darlle servizo á comunidade universitaria, que conta con prezos especiais, dá servizo a persoas alleas a ela, reforzando a postura da Universidade de traballar polo benestar integral da cidadanía. Na actualidade o centro conta con 3500 abonadas e abonados en total, 350 deles da comunidade universitaria.

Marcos Fernández, director xeral de AQA, salientou durante a visita como “estamos moi contentos con esta celebración e con seguir coa mesma ilusión que o primeiro día. Pensamos que as instalacións cumpriron neste tempo os obxectivos marcados tanto pola Universidade como pola empresa”. O responsable da entidade salientou como coa ampliación das instalacións levada a cabo hai dous anos “convertémonos nun referente na actividade deportiva e física da cidade sen deixar de coidar á comunidade universitaria”. Para conmemoralo ao longo do día premiarán ás e aos seus usuarios, especialmente aos que levan dez anos con eles, e rematarán a xornada cunha actividade conxunta na que agardan contar cun centenar de participantes.