As candidaturas á Reitoría utilizan diferentes estratexias para presentar aos seus integrantes
Das “pistas” de ConSenso ás presentacións presenciais e virtuais de Nós Universidade e H2040
Belén Rubio xa desvelou oito membros do seu equipo e Carmen García Mateo, seis
Aínda que o calendario das eleccións á Reitoría da UVigo marca o 17 de abril como a data sinalada para a presentación dos equipos e liñas programáticas, a día de hoxe as tres candidaturas que concorren ao proceso, ConSenso, H2040 e Nós Universidade, xa desvelaron total ou parcialmente a identidade de boa parte das e dos seus integrantes. Iso si, a estratexia empregada varía substancialmente dunha candidatura a outra, tanto na forma, coma nos tempos, optando por presentacións en persoa ante os medios ou publicacións en webs e en redes sociais e onde a cantidade e a periodicidade da información sobre os integrantes dos equipos adáptase a conveniencia de cada candidatura.
Aínda que ningunha das alternativas que optan á Reitoría deu aínda a coñecer á totalidade dos seus e as súas integrantes, H2040 é a candidatura que un maior número de membros desvelou: un total de oito, que inclúen sete vicerreitoras e vicerreitores e a secretaria xeral. Pola súa banda, Nós Universidade xa lle puxo cara a seis integrantes do equipo de Carmen García Mateo e ConSenso, que optou por non desvelar identidades, senón por achegar pistas e fotos infantís da candidatura de Jacobo Porteiro, suma ata hoxe oito aspirantes a vicerreitorías e a persoa que ocuparía a Secretaría Xeral para poder descubrir as súas identidades.
Con 14 integrantes: 11 vicerreitoras e vicerreitores, aos que se engaden as persoas responsables de Secretaria Xeral e Xerencia e a reitora, H2040 é a candidatura á Reitoría da UVigo con maior número de membros, mentres que ConSenso e Nós Universidade suman 13 persoas, cada unha delas, que ocuparían 10 vicerreitorías, así como o secretario ou secretaria xeral, xerente ou xerenta e reitor ou reitora, respectivamente.
As seis candidatas e candidatos coñecidos de Carmen García Mateo
Tras ser a primeira candidata á Reitoría da UVigo en presentar publicamente, hai case un mes, ás integrantes do seu equipo que ocuparían as vicerreitorías dos campus de Ourense, Montserrat Cruz, e Pontevedra, Maríán Fernández, Carmen García Mateo non revelara ningún candidato ou candidata máis ata hai unhas horas.
Catedrático no Departamento de Física Aplicada e coordinador do grupo de investigación FA2, o candidato á Vicerreitoría de Investigación, Manuel Martínez Piñeiro incorporouse á UVigo en 1995, logo de licenciarse en Física pola USC. “A ciencia é unha actividade propia de equipos cohesionados e motivados e eu tiven a sorte de poder aprender e crecer neste fértil ecosistema”, explica Martínez Piñeiro.
Doutora en Filoloxía Inglesa pola USC e profesora titular na Facultade de Filoloxía e Tradución, Loli González desenvolve o seu labor na área da lingüística inglesa en programas de grao, mestrado e doutoramento. A candidata á Vicerreitoría de Estudantes sinala que “defendo unha universidade que sitúe ao estudantado no centro das decisións e que conciba a vida universitaria en todas as súas dimensións: académica, cultural, social e de benestar”.
Profesor da UVigo dende 2012 na área de Mecánica dos Medios Continuos e Teoría de Estruturas, Rafael Comesaña Piñeiro centra a súa actividade de investigación e transferencia no procesamento de materiais mediante tecnoloxía láser, así como na fatiga e integridade estrutural. O candidato á Vicerreitoría de Transferencia asegura ter como obxectivo, “contribuír a unha universidade pública comprometida coa formación de profesionais cualificados, coa xeración de coñecemento útil e coa súa transferencia efectiva á sociedade”.
Titular na Facultade de Comunicación da UVigo, na que se formou e onde leva máis de doce anos desenvolvendo a súa carreira, Xabier Martínez Rolán, candidato á Vicerreitoría de Docencia e Transformación Educativa, destaca que “nos últimos anos teño impartido centos de horas de formación sobre IA xerativa e esa experiencia lévame a unha convicción clara: a tecnoloxía sen criterio ético é baleira, e a universidade debe ser o espazo onde se humanice a disrupción, non onde se ignore”.
O ‘xogo’ de ConSenso desvela o perfil máis persoal dos candidatos
No caso de ConSenso, aínda non fixeron públicos os nomes das persoas que integrarán a súa candidatura, pero a través de pistas e de fotografías da infancia pódese intentar adiviñar quen ocupará cada unha das vicerreitorías e da xerencia. Fórono facendo pouco a pouco, desvelando primeiro quen ocupará a Xerencia e as vicerreitorías de Investigación, Profesorado e Estratexia Dixital, e, a continuación, Transferencia, Titulacións, Internacionalización, Comunicación, Estudantado e a Secretaría Xeral, quedando aínda pendentes as vicerreitorías dos campus, o que se fará mañá venres no caso de Ourense e o luns 13 no de Pontevedra.
“É un formato que buscar sorprender, xerar curiosidade e achegar o equipo dun xeito máis natural, divertido e recoñecible”, aseguran desde ConSenso. Grazas a este xogo, con todas as pistas e imaxes achegadas, a comunidade universitaria vai coñecendo os diferentes integrantes da candidatura, se ben a presentación formal, coa listaxe de todos os membros, non se realizará ata a vindeira semana.
Este xogo permite achegarse ao perfil máis persoal de cada unha das persoas candidatas. Sabemos así, por exemplo, que a persoa que ocupará a Xerencia é un fillo da emigración, nacido en Río de Xaneiro; que Investigación recaerá nas mans dunha campioa de rallies; que en Profesorado haberá un enxeñeiro ao lle encanta prestar un servizo de ‘calidade’; que Estratexia Dixital é para unha persoa moi consciente de que a xustiza ten voz universal e non entende de fronteiras; que o responsable de Transferencia xoga ao squash e encántanlle os Karts; que a de Titulacións defínese como un ‘positrón inquieto’; que a de Internacionalización ten raíces baixo cero e un segundo apelido impronunciable; que o de Comunicación defendeu a súa tese en plena pandemia, en camisa e pantalón curto; que o de Estudantado é un trotamundos académico e que en Secretaría Xeral haberá unha persoa que pasou da primeira promoción de Dereito na UVigo a defender a Universidade “con ilusión e lealdade inquebrantables”.
H2040 presentou xa oito membros da candidatura
En H2040, presentaron xa oito membros da súa candidatura. A primeira integrante do equipo que se deu a coñecer foi a responsable da Secretaría Xeral, cargo que ocupará a catedrática de Dereito Romano María José Bravo Bosh, quen xa viña exercendo esta función no equipo de Reigosa. Repetirá tamén o docente da Escola de Enxeñería Industrial Félix Quintero Martínez, candidato á vicerreitoría de Infraestruturas e Sostibilidade, e Javier Rodríguez Rajo, catedrático na Área de Botánica na Facultade de Ciencias, como candidato á Vicerreitoría do Campus de Ourense.
No caso da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, a candidata é Sara Domínguez Lloria, profesora titular da área de Didáctica da Expresión Musical na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, mentres que a actual vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, exdecana da Facultade de Fisioterapia, pasaría a responsabilizarse de Estudantes e Captación.
Como novas incorporacións Emma Torres Romay, actual decana da Facultade de Comunicación, responsabilizaríase da Vicerreitoría de Comunicación e Normalización Lingüística; Iago Pozo Antonio, profesor na área de Explotación de Minas e actual director da Área de Promoción da Internacionalización opta á Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación e, a última en dárse a coñecer, Alma Gómez Rodriguez, profesora titular da área de Linguaxes e Sistemas da Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense, sería a nova vicerreitora de Extensión Universitaria.
Todos presentan as súas candidaturas coa vontade de seguir contribuíndo ao fortalecemento da Universidade de Vigo “desde a responsabilidade, o rigor e a visión estratéxica”, tal e como admitía a candidata a secretaria xeral, María José Bravo Bosh, na primeira entrevista publicada na web da formación cando se deu a coñecer a súa candidatura. Neste liña, continuaron tamén as declaracións do resto dos candidatos. “Entendo que a universidade debe devolver á sociedade os seus investimentos, constituíndo un motor de cambio crítico e socialmente responsable; integrando as súas actividades como parte de dita sociedade e contribuíndo deste xeito á mellora profesional e científica da nosa contorna galega”, explica Alma Gómez, na última das entrevistas.
