DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jorge Prado e Antonio Bueno, responsables do plan TIC na sanide galega ofreceron unha charla

O plan das TIC na sanidade galega, unha alternativa de futuro para os estudantes de Enxeñaría Informática

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 30/11/2007

{mosimage} “Cando era estudante queixábame de non saber o que se facía na realidade e precisamente para achegarvos ao mundo profesional estamos hoxe aquí”. Así comezou Antonio Bueno, xefe de Área de Sistemas do Centro de Servizos Tecnolóxicos do SERGAS a súa intervención ante os alumnos da Escola Superior de Informática, aos que xunto a Jorge Prado, xefe do Servizo de Soporte e Implantación , presentoulles unha alternativa de futuro: o Servizo Galego de Saúde.
Ambos relatores analizaron a situación actual da informática na sanidade galega e do plan que se está a levar a cabo así como as expectativas de futuro que hai nese ámbito.Ambos relatores analizaron a situación actual da informática na sanidade galega e do plan que se está a levar a cabo, así como as expectativas de futuro que hai nese ámbito.
“Cando comecei a traballar no eido sanitario quedei sorprendido do nivel de informatización que tiña pero había unha carencia importante no núcleo da actividade:o manexo da información clínica” explicou Prado aos asistentes ao tempo que recalcou a importancia que ten a facilidade de acceso á información cando o que está en xogo é a saúde e a vida das persoas. “A única materia prima é o coñecemento axeitado no momento xusto” dixo. E son precisamente as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións os instrumentos indicados para facilitar procesos e dar a maior cobertura posible á poboación.

A sanidade galega

A natureza universal da sanidade galega dificulta enormemente a realización dunha integración pois o trato debe ser o mesmo en calquera centro de saúde coa conseguinte dispersión da información, a complicada organización que require e o alto custo que supón. Nesta confluencia informativa nun só punto e na súa posterior distribución con garantía de calidade é no que se está a traballar agora mesmo en España.
No caso de Galicia hai unha aposta clara pola implantación de metodoloxías e normativas nesta liña. “Levamos traballando neste ámbito dende 1991 polo que contamos cunha vantaxe sobre moitas comunidades. Cousas que aquí damos por suposto aínda non están instauradas noutras rexións” comentou Prado e citou éxitos coma o sistema de identificación único a través da tarxeta sanitaria ou o de petición de citas por internet, que xa usan o 4% dos pacientes. A aposta é clara: que os usuarios estean contentos. Por un lado que os profesionais poidan traballar e por outro que o doente estea ben atendido.

Plan “Rede de Saúde”

“Actualmente estamos traballando no plan Rede de Saúde que comezou no 2006 e traza as liñas mestras a desenvolver nos vindeiros 4 anos cun presuposto de 150 millóns de euros” explicou Jorge Prado. O plan está financiado directamente dende a propia Comunidade Autónoma con axudas dos fondos europeos Avanza. Estruturado en 6 liñas estratéxicas de actuación, acolle diferentes proxectos coma o historial clínico único e electrónico (IANUS), a prescrición electrónica de medicamentos, a accesibilidade dos profesionais e dos usuarios, a xestión da información, a planificación e investigación epidemiolóxica para a vixilancia da saúde pública, a optimización dos procesos e sobre todo a mellora das infrastruturas e servizos.