DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor debullou no Consello de Goberno a previsión de futuros edificios para os campus

Da planta piloto e o Cacti do Campus Auga á ETEA, pasando polo edificio que albergará as facultades de Deseño e Xestión 

Aprobouse na sesión a creación do Centro de investigación sobre paisaxes atlánticas culturais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 01/10/2021

As e os integrantes do Consello de Goberno da UVigo coñeceron hoxe a programación e prioridades que o equipo que dirixe Manuel Reigosa ten en relación cos edificios e espazos que se construirán e habilitarán nos campus, e fóra deles, para dar acubillo a novas facultades e titulacións. No seu informe ante o órgano de goberno da Universidade, o reitor deu conta por orde de prioridade das accións previstas para dotar aos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo de novos espazos destinados á docencia e á investigación e que se concretan no caso ourensán na planta piloto e o Cacti, que se localizarán nos edificio do Campus Auga e os inmobles para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e para Intelixencia Artificial; no de Pontevedra nos edificios que acollerán as futuras facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública e no de Vigo, na posible reubicación na ETEA de parte das titulacións de Ciencias do Mar, atendendo así á petición formulada polo propio centro.

Pero antes de debullar as prioridades en relación coa dotación de novos espazos nos campus, o reitor comezou o seu informe aos membros do Consello referíndose ao anuncio realizado nas últimas horas polo ministro de Universidades en relación co envío en breve á comunidade universitaria dun novo borrador do anteproxecto da Ley Orgánica do Sistema Universitario (Losu) sobre os aspectos que teñen ver coa gobernanza nas universidades. Castells reuniuse o martes pasado con representantes da Conferencia de Rectores, sindicatos e estudantes que lle trasladaron o seu malestar con algúns puntos da lei, como o referido á elección dos reitores . “A Losu estase a considerar como un primeiro borrador e de feito, das alegacións que se fixeron chegar desde a Crue, creo que bastante ben traballadas , van facer bastante caso”, sinalou o reitor. Precisamente, Reigosa puxo como exemplo de cuestións controvertidas da lei a referida á elección dos reitores, na que o  máximo rexedor da institución seleccionaría un grupo de 20 ou 30 persoas, e a través dun proceso semellante ao de captación de talento, os candidatos presentarían unha proposta e serían avaliados. “Eu non defendería nunha universidade pública ese xeito de elixir. Mellor se se elimina ese procedemento pouco democrático, porque ao fin e ao cabo esas 20 ou 30 persoas non se sabía quen ían ser”, dixo o reitor da UVigo, que agarda que o próximo anteproxecto que se presente sexa “máis razoable e poida mellorar algunhas das condicións de traballo e establecer unha carreira que nos permita ás universidades españolas ir captando o talento preciso nesta renovación que se vai acometer nos vindeiros 10 anos, nos que se vai xubilar unha parte importante do persoal”. 

En relación con Plan de Financiamento do SUG, Reigosa confirmou que se chegou a un acordo sobre o importe total para o primeiro ano e que “aínda que non era todo o que queríamos, si se recoñeceron cuestións que formulamos as tres universidades, que fomos a man”. O reitor da UVigo, que avanzou que se está a finalizar a negociación de dous aspectos importantes como son a senda de crecemento durante o plan e os criterios de reparto dos fondos por obxectivos, sinalou en relación co novo mapa de titulacións “que o acordo sobre mestrados do Plan G2030 é completo, aínda que seguen os traballos dos delegados das reitorías”. En relación con Intelixencia Artificial reiterou que agardan boas novas, ao tempo que avanzou  que en breve se negociarán os novos graos do SUG. 

Na sesión que hoxe celebrou o Consello de Goberno, a primeira do curso 2021-2022, aprobáronse, entre outras cuestións, o acordo de mobilidade do profesorado contratado doutor interino e funcionario interino dos corpos docentes ; a prórroga ata o 31 de decembro de 2022 do protocolo para o desenvolvemento do programa soporte á xestión económica de grupos de investigación; así como a creación do Centro de investigación sobre paisaxes atlánticas culturais (Cispac). 

Novos edificios para os campus de Ourense e Pontevedra e traslados á ETEA a estudo

Como prioridade “cero” da programación de edificios do equipo de goberno, o reitor situou a planta piloto solicitada pola titulación de Tecnoloxía dos Alimentos, así como o traslado do persoal e dos equipamentos do Cacti do Centro tecnolóxico da carne ao edificio do Campus Auga do campus de Ourense. “Esperamos ter a licencia en breve, xa temos a obra preparada e vai levar pouco tempo”, dixo Reigosa, que conta con que en poucos meses poidan ter os traballos rematados para localizar, tanto a planta piloto, como o Cacti, dentro do edificio de Campus Auga. A prioridade “un” tamén se sitúa no campus de Ourense, cun edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo na parcela que queda libre dentro do chamado  coloquialmente Campus Norte. “Ese edificio esperamos que tamén nos sirva para dar resposta á posta en marcha de Relacións Internacionais, que se implantaría no curso 22-23 se non hai atrancos. Unha vez feito este edificio será o momento de reorganizar espazos no campus, xa que quedarán outros baleiros e haberá que programar para que se utilicen do mellor xeito posible”, dixo o reitor. 

En canto á prioridade “dúas”, esta quedou establecida, segundo Reigosa, “hai pouco, logo de falar co Concello de Pontevedra. No acordo que tiñamos hai moitos anos usamos o edificio de Belas Artes no centro da cidade e estaba prevista a cesión dunha parcela nos terreos da antiga Tafisa que serviría para devolverlle ao concello o edificio. Con ledicia digo que contamos con que se nos ceda esa parcela para usos adicionais e non para devolver o edificio de BBAA”,confirmou o reitor que reiterou que, “a nosa programación é que BBAA vai seguir no edificio que está, e faremos un edificio para implantar Deseño e levar alí Dirección e Xestión”. Reigosa lembrou que inicialmente esta titulación íase situar no edificio de Benito Corbal , “pero esta é unha solución temporal. Como son pisos altos non parece axeitado que un número alto de estudantes estea a subir e baixar escaleiras ou en elevadores, e por iso precisamos un edificio propio”, explicou o reitor, que confirmou que agora agarda a sinatura dun convenio co Concello de Pontevedra.

Como prioridade “tres” o reitor situou o edificio para Intelixencia artificial  no campus de Ourense, en relación co que xa comezaron as negociacións, dixo. “É obvio que será unha titulación con moitísimo tirón e incrementará a entrada na Escola Superior de Enxeñaría Informática  e pensamos que imos precisar unha ampliación e por iso estamos en negociacións co Concello e Deputación para ver cal é a mellor solución para esta ampliación”, explicou, ao tempo que manifestou o seu optimismo sobre a posibilidade de que o grao e o mestrado se poidan impartir o vindeiro curso. 

Por último, sobre a ETEA, Reigosa lembrou que a UVigo dispón do edificio Faraday e está  á espera da cesión do Morse por parte da Xunta e do Siemens por parte de Zona Franca. Sobre o interese manifestado desde a Facultade de Ciencias do Mar por trasladarse á ETEA, o reitor destacou que o centro propón baixar o Grao en ciencias do mar e o Máster en oceanografía, ademais de que a comisión académica do Máster de bioloxía mariña, que pertence á Facultade de Bioloxía, solicitou impartir docencia nesa ubicación, e a comisión académica do Máster de acuicultura está valorando opcións. Reigosa, logo do rexeitamento maioritario por parte dos centros do campus de As Lagoas Marcosende de trasladar algunhas titulacións da súa localización actual á ETEA ou ao inmoble de Zona Franca en López Mora, reiterou o seu compromiso de estudar as solicitudes de traslado que se produzan e buscarlle acomodo se é posible. 

Por certo, que en relación ao financiamento de infraestruturas, o reitor destacou que haberá un plan da Xunta con este cometido “e nós presentaremos unha planificación de obras que son precisas para que o  traballo se desenvolva do mellor xeito e ser máis competitivos”, dixo Reigosa.  

Acordos adoptados por asentimento no Consello

Na sesión ordinaria de hoxe aprobouse o acordo de mobilidade do profesorado contratado doutor interino e funcionario interino dos corpos docentes que fai extensivo a estes docentes os dereitos recoñecidos ao persoal investigador funcionario de carreira laboral fixo no artigo 17 da Lei 14/2011, de 1 de xuño, “de la Ciencia, la Tecnología e la Innovación, nas mesmas condicións que son de aplicación a estes últimos. “Non facemos máis que aplicar a regulamentación europea que homologa a traballadores temporais e fixos no mesmo posto en canto ás súas condicións de traballo. Decídese adoptar agora, porque apareceu a primeira solicitude deste tipo por parte dun contratado doutor interino, e entendimos que debíamos desfacer esta discriminación, e facelo de xeito xeral e non para un caso particular”, explica o vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica, Manuel Ramos. 

Outros acordos adoptados hoxe foron a prórroga ata o 31 de decembro de 2022 do protocolo para o desenvolvemento do programa soporte á xestión económica de grupos de investigación e a modificación do regulamento de investigador visitante. En relación con este último acordo, a vicerreitora da Investigación, Belén Rubio, lembra que o regulamento fora aprobado en Consello de goberno en xullo do 2020, pero tras pouco mais dun ano de desenvolvemento “nos dimos conta que algúns aspectos había que modificalos. En concreto, dada a dinámica da universidade,  a matrícula para os R1 non eramos quen de facela naqueles casos que estaban menos dun mes. Ademais creemos que nestes casos non sería imprescindible. Tampouco tiña moito sentido cobrarlles o importe da matrícula en programas interuniversitarios nos que participa tamén a nosa universidade”, detalla Rubio, que engade que, “ademais no caso de que a estadía abrangue períodos de dous cursos académicos a matrícula só se cobra unha vez. Queríamos que estes aspectos, que fan mellorar o regulamento quedaran ben recollidos e non espallados en resolucións ou instrucións”.

Noutra orde de cousas,o órgano de goberno tamén aprobou a creación do Cispac,Centro de investigación sobre paisaxes atlánticas culturais, que ten o obxectivo de investigar sobre a paisaxe desde unha perspectiva transdisciiplinar: paisaxes que teñen xente, paisaxes que producen, paisaxes que se gobernan, paisaxes que teñen patrimonio, paisaxes visitados. “Hai un predominio de grupos da USC, da UVigo está o grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, e dous grupos da UDC. O centro terá a sede no edificio Fontán, na Cidade da Cultura”, avanza a vicerreitora de Investigación.