DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ex-alumna Esther Gandía obtivo o primeiro premio no certame promovido por Apo´strophe

'Plástika18' despídese da Sala X recoñecendo a tres artistas formados na Facultade de Belas Artes

As 19 obras finalistas expuxéronse neste espazo e na sala de exposicións de Restauración

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
DUVI Pontevedra 13/05/2019

Dende o 4 de abril e ata o pasado venres 10 de maio, a Sala X e o espazo expositivo da Escola Superior de Conservación e Restauración e Conservación de Bens de Galicia, situados ambos na entrada da Facultade de Belas Artes, acolleron a exposición das 19 obras finalistas da segunda edición do certame de arte Plástika18, unha iniciativa promovida pola asociación Apo´strophe que, coincidindo coa súa clausura, fixo público o fallo do seu xurado. A instalación Segunda piel, de Esther Gandía, ex-alumna do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación, foi a obra seleccionada como gañadora dun certame ao que concorreron preto dun cento de artistas de diferentes países e no que se outorgaron dúas mencións ás creacións de dous artistas formados tamén na facultade, Alexandra Rey e Yatir Fernández.

Os críticos Carlos L. Bernárdez e Elena Bangueses, a crítica e comisaria Paula Cabaleiro, o artista e alumno de doutoramento da facultade Thomas Apostolou e o artista Xulio Lago integraron o xurado deste certame que o pasado venres fixo público o nome da súa gañadora, nun acto que contou tamén coa presenza dos responsables de Apo´strophe, Sara Pérez Bello e Álvaro Rodríguez, e da vicedecana de Belas Artes Begoña Paz. 

A instalación na que Gandía presentaba seis abrigos intervidos con textos bordados sobre anacos de tea e coa que propuña “unha reflexión acerca das violencias sutís” resultou merecedora dun primeiro premio que lle outorga a posibilidade de levar a cabo unha exposición individual en outubro no espazo que Apo´strohpe coordina no centro comercial Plaza Elíptica de Vigo. Así mesmo, o xurado acordou tamén recoñecer con dúas mencións a serie de serigrafías sobre cobre laminado e pregado presentada por Alexandra R. Rey, alumna do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación; e a obra Horizonte, mar, saudade, do ex-alumno da facultade Yatir Fernández. Ambos, explica Sára Perez Bello, contarán agora coa posibilidade de empregar “un pequeno espazo anexo no centro comercial” para presentar os seus traballos.