DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ferramenta está a ser desenvolvida por grupos de investigación da UVigo

A plataforma dixital EmpowerTasks ofrecerá a persoas con diversidade intelectual oportunidades de emprego a través de microtarefas e servizos en remoto

Conta cunha axuda de Indra Group e Fundación Universia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Diversidade
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 09/01/2026

Unha plataforma dixital inclusiva deseñada para que persoas con diversidade intelectual poidan acceder a oportunidades de emprego a través da realización de microtarefas dixitais e servizos en remoto. Esta é a proposta de EmpowerTasks, un proxecto que está a ser desenvolvido por varios grupos de investigación da Universidade de Vigo. 

A iniciativa, que ten unha duración dun ano, foi unha das propostas gañadoras da IX Convocatoria de Axudas a Proxectos de Investigación en Tecnoloxías Accesibles realizada por Indra Group e Fundación Universia. Dirixida a grupos de investigación, centros universitarios e escolas de negocio adscritos a universidades españolas, esta convocatoria ten como obxectivo promover o desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras que melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade, facilitando a súa inclusión social e laboral. A axuda acada por EmpowerTasks ascende a 25.000 euros, con parte de financiamento para unha entidade colaboradora no proxecto, que é Down Galicia.

Os grupos de investigación da Universidade de Vigo que participan desde a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense en EmpowerTasks son dous. Trátase do Grupo de Estudos en Traballo Social: Investigación e Transferencia, con Rubén González como investigador principal do proxecto, e o grupo Reflexión, Innovación, Transferencia e Mellora Educativa, liderando a súa participación Almudena Alonso. Tamén colabora persoal da Universidade de Santiago de Compostela e a Unidade de Emprego e Emprendemento da UVigo, a través da súa directora, Maruxa Álvarez. Igualmente, a iniciativa “conta con avais internacionais que posibilitan unha validación da ferramenta no territorio de Portugal, a través do Instituto Piaget e o Instituto Politécnico de Leiria”.

Fomentar a autonomía económica

O proxecto EmpowerTasks, comenta o equipo da UVigo, “nace como resposta ás barreiras estruturais que dificultan a participación das persoas con discapacidade intelectual no mercado laboral, especialmente en sectores emerxentes ou dixitalizados”. Mediante esta plataforma búscase “fomentar a autonomía económica destas persoas a través dunha proposta viable, escalable e con impacto social real” ao mesmo tempo que se ofrece a empresas e institucións con vocación social unha canle para colaborar como parte da súa estratexia de Responsabilidade Social Corporativa (RSC), contribuíndo activamente á inclusión laboral.

Neste marco de traballo, EmpowerTasks quere ser “unha proposta tecnolóxica accesible, escalable e de baixo custo que permitirá ás persoas usuarias explorar o seu potencial, adquirir novas competencias e realizar tarefas aliñadas cos seus intereses e fortalezas, previamente mapeadas mediante un proceso participativo”. Así, a plataforma está sendo deseñada para facilitar que persoas con diversidade intelectual, poidan acceder a oportunidades de xeración de ingresos mediante microtarefas e servizos dixitais realizados en remoto. “A solución integra un itinerario de formación accesible e un asistente baseado en intelixencia artificial que acompaña ao usuario en todo o proceso, desde a aprendizaxe ata a execución de tarefas”, comentan desde o proxecto. 

A proposta presentada, explican desde a súa organización, formúlase desde unha ollada interdisciplinar na que participan áreas diferentes (educativas, sociais, de saúde, informática, etc.), coa idea de que realicen desde cada un destes eidos “achegas substanciais necesarias para que a plataforma sexa o máis inclusiva posible e que permita dar resposta aos obxectivos formulados”.