DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O número de localidades de Pontevedra e Ourense case se duplicou, respecto do curso pasado

A poboación sénior de 11 concellos empápase de saber científico, artístico e tecnolóxico coas Mareas de Coñecemento 

A iniciativa da UVigo, que cumpre oito anos, desenvólvese ata xuño 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • Público externo
  • Vigo
  • Charlas e seminarios
  • Estudantado
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 29/04/2026

Protección fronte as estafas; patrimonio artístico; impostos; ou intelixencia emocional e saúde física son algúns dos contidos aos que, entre os meses de abril e xuño, poderá achegarse a poboación maior de 50 anos dos 11 concellos galegos aos que chegarán este curso as Mareas de Coñecemento. Este proxecto itinerante de formación universitaria, nacido ao abeiro do Programa de Maiores (PUM) da UVigo no ano 2018, “ten o obxectivo de levar a formación universitaria a persoas que normalmente non poden acceder a ela, especialmente en zona rurais ou con dificultades económicas ou xeográficas”, lembra Alfonso Lago, vicerreitor de Titulacións e Innovación Educativa da UVigo, que destaca o seu valor para “reducir desigualdades, facer a educación máis inclusiva e combater o illamento”.

Respecto do ano pasado, o programa case duplicou o número de concellos das provincias de Pontevedra e Ourense nos que se está a desenvolver, pasando de cinco a 11 sedes, concretamente Allariz, Barro, Cambados, Catoira, Covelo, Celanova, Lalín, Moaña, Poio, O Rosal e Soutomaior. “Achegando o saber científico, artístico e tecnolóxico á poboación sénior, a UVigo consolida o seu compromiso coa formación permanente, levando a excelencia académica máis aló dos campus e adaptando a súa oferta ás necesidades de cada comarca en Pontevedra e Ourense”, destaca Carmen Abreu, coordinadora do PUM. 

Oferta adaptada ás demandas dos concellos

Os seminarios ofertados este ano inclúen contidos transversais sobre arte e historia poñendo o foco no patrimonio local dos propios concellos, como a catedral de Ourense ou o casco antigo de Allariz. Doutra banda, na maioría dos casos incorpóranse aspectos tecnolóxicos sobre intelixencia artificial ou a protección fronte as estafas e timos con base tecnolóxica e tamén se abordan cuestións económicas sobre materias fiscais e impostos, para aqueles concellos que así o pediron. 

“Outro gran bloque de seminarios relaciónase co envellecemento saudable, con contidos sobre saúde física como a prevención das caídas, as reaccións en caso de urxencia médica, a realización de exercicio como pilates para a mellora das saúde; e contidos relacionados coa saúde mental, abordando a intelixencia emocional, o mantemento dunha mente saudable”, detalla Abreu. 

Os seminarios que comezaron a mediados de abril no concello de O Covelo, rematarán en O Rosal a principios de xuño, logo de percorrer as 11 localidades previstas nesta edición. 

As mulleres tamén son maioría neste programa

Desde a Vicerreitoría de Titulacións e do PUM agardan repetir este ano o éxito de asistencia de edicións pasadas, nas que se chegaron a acadar medias de ata 35 persoas por sesión. Na edición de 2025 a media de asistentes nos cinco concellos nos que desenvolveu foi dunhas 20 persoas en cada seminario nos concellos pontevedreses e de 15 nos de Ourense.

“A distribución por xénero é curiosa, na provincia de Pontevedra o 83,8% con mulleres e o 16.20%, homes. Mentres que en Ourense pasa algo semellante cun 76,8% de mulleres e un 23,20% de homes”, detalla Alfonso Lago, que reitera a importancia dos programas universitarios de maiores “porque converten a universidade nun recurso accesible para toda a sociedade, reducen desigualdades, impulsan o desenvolvemento privado e social e fortalecen tanto medio rural como a participación cidadá”.