Dirección e Xestión Pública acolleu unha conferencia de Salvador Martí, da Universitat de Girona
A “polarización afectiva”, un perigo para as democracias
O relatorio insírese na programación do 25 aniversario desta titulación
Catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universitat de Girona, Salvador Martí afondou este luns na Facultade de Dirección e Xestión Pública nas diferentes causas da polarización política existente nas sociedades actuais e en como esta constitúe un dos “eixes fundamentais” dos “procesos de erosión democrática”. Nunha actividade inserida na programación do 25 aniversario da implantación destes estudos na UVigo, Martí Puig puxo o foco en que, máis aló de grandes diferencias ideolóxicas, a sociedade actual defínese por unha “polarización afectiva”, derivada do xeito no que as persoas perciben a aquelas cunha “cosmovisión” diferente. Esta susténtase á súa vez, sinalou, no malestar xerado polo “incremento da desigualdade”, que fai posible que “líderes populistas, autoritarios e con pouco respecto pola democracia” poidan conectar facilmente “co sentir dun sector da sociedade”.
Esta lóxica “de cabreo e de descenso social”, engadiu o tamén vicerreitor de Comunicación da Universitat de Girona, contribúe tamén a explicar “por que hoxe a dereita radical pesca en ámbitos de persoas novas e sectores humildes”, como sinalou mun relatorio que puido seguirse tanto de xeito presencial como virtual. O conferenciante foi presentado polo decano, Enrique Varela, quen destacou a Martí como coautor do “manual de referencia da ciencia política” en España e lembrou as principais liñas de traballo dun investigador especializado en política comparada, nos procesos de democratización en América Latina e na acción colectiva.
"Cocción lenta e rápida" nas causas da polarización
En primeiro termo, Martí detívose nas “causas da polarización recente”, apuntando ás transformacións do sistema de medios, ao papel das redes sociais ou á desinformación. Estas constitúen, destacou, “causas de cocción rápida”, mais ao seu xuízo é preciso falar tamén dos “elementos de cocción lenta, que son temas que veñen dos últimos 20 ou 30 anos” e que teñen que ver con esa “quebra dun pacto social” polo que, décadas atrás, cando as persoas que “cumprían co seu cometido” tiñan unha serie de “mínimos garantidos”, como “unha inserción digna” no mercado laboral ou a posibilidade de independizarse e de formar unha familia. A súa ruptura provocou que fose “incrementándose un certo malestar”, do que “aliméntanse” eses outros elementos de “cocción rápida”, engadiu este investigador, que buscou diferenciar entre “a polarización política ou ideolóxica, que en Europa non é tan elevada”, coa chamada “polarización afectiva”, ligada máis directamente a “estilos de vida”. Neste punto, Martí sinalou a existencia de “efectos burbulla” polos que as persoas rematan comunicándose ou relacionándose “con aqueles espazos e círculos” cos que existe unha “correspondencia” non só ideolóxica, senón coa súa “cosmovisión da vida”, pola súa coincidencia no referido a unha serie de “patróns” que teñen que ver “co consumo de ocio e cultura, co posicionamento moral ou coa ética ou mérito do traballo e do éxito”. Isto deriva á súa vez, engadiu, en “sociedades estancas”, que fan máis doado que o conflito político sobre unha determinada cuestión derive nunha “emenda a totalidade”.
Partindo deste marco, Martí detívose en como esta situación impacta “de forma negativa” nas democracias, sinalando nese senso que “o proceso de desdemocratización, de erosión democrática ou de autocratización” constitúe o tema central da análise politolóxica na actualidade, dada a existencia de informes que sinalan que preto do 25% dos réximes democráticos do mundo “perderon calidade” nos últimos anos. “Este é o gran perigo hoxe”, recoñeceu o conferenciante, que lembrou que “unha democracia baséase na capacidade de facer oposición e na capacidade de control das autoridades, pero tamén no respecto ao outro”, o que levouno a subliñar a importancia de “xerar lazos de recoñecemento e diálogo, porque sen eles, non falamos de democracia, falamos doutra cousa”.
A programación do 25 aniversario continúa
Como sinalou Varela na súa apertura, a conferencia de Martí abría a programación de actos que a facultade desenvolverá ao longo do segundo cuadrimestre con motivo da conmemoración do 25 aniversario da implantación na Universidade de Vigo dos estudos de dirección, xestión e administración pública. Dirixida tanto a servir como punto de encontro con diferentes colectivos sociais, empresariais e institucionais como a achegar á facultade persoas relevantes neste ámbito, esta programación arrancou no primeiro cuadrimestre e continuará con novas actividades nos próximos meses que se pecharán, como adiantou o decano, cunha conferencia da presidenta do CSIC, Eloísa del Pino, quen fora docente do Máster en Dirección Pública e Liderado Institucional.