DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor doutor Ignacio Borrajo interveu este martes no campus

A policía en España, a cabalo entre o dereito penal e o administrativo

Nunha conferencia organizada polo Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 23/10/2018

A Facultade de Dereito do campus de Ourense acolleu este martes a conferencia A policía en España: entre o xuíz de instrución e a administración sancionadora, ofrecida polo profesor doutor Ignacio Borrajo, letrado xefe do Servizo de Estudos, Biblioteca e Documentación do Tribunal Constitucional. Nela abordou para o alumnado presente o paradoxo de que o mundo académico e investigador do eido xurídico non preste atención a “unha institución fundamental no estado” e “fundamental para que a lei funcione” como é a policía.

A actividade estivo organizada polo Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública coa colaboración da Facultade de Dereito e do Grupo de Investigación Medea Iuris, participando na súa inauguración Marta Fernández, decana deste centro, e Roberto Bustillo, responsable do observatorio e do grupo organizador. Marta Fernández salientou durante a súa intervención a oportunidade que esta conferencia lle ofreceu ao alumnado presente de abordar cuestións referidas aos poderes do estado e á súa división. Pola súa banda Roberto Bustillo foi o encargado de presentar ao relator subliñando a súa intensa actividade xurídica tanto no contexto estatal como internacional.    

O baleiro académico e xurídico

Ignacio Borrajo explicou como na súa conferencia no campus de Ourense quixo abordar “un tema moi abandonado polos estudos xurídicos” e que “de partida non existe nas facultades de Dereito” como é o da policía. Non quixo, afirmou, ofrecer “unha conferencia maxistral senón expor un tema e as moitas dúbidas e lagoas que hai en xeral no tratamento dese tema”. Como mostra da falta de atención que desde os estudos xurídicos se lle presta á policía apuntou como a bibliografía deste eido limítase a catro ou cinco publicacións nos últimos 30 anos, boa parte delas xa desactualizadas fronte á lexislación vixente. Outras publicacións existentes sobre estes corpos de seguridade, apuntou, ou abordan cuestións moi específicas ou están destinadas ao colectivo de policías, sendo o seu tratamento xurídico limitado, como publicacións sobre criminoloxía ou balística. Alén desta falta de bibliografía, o letrado xefe do Servizo de Estudos, Biblioteca e Documentación do Tribunal Constitucional advertiu ao alumnado presente como nin durante os seus estudos de grao nin de mestrado van a abordar o tema da policía.

Ante este baleiro desde o punto de vista investigador e académico, Ignacio Borrajo subliñou aos estudantes presentes como teñen un amplo abano de posibles temas de estudo e investigación no seu futuro profesional. Entre estes posibles temas, apuntou, está “a situación ambigua da policía a cabalo entre o dereito penal e o administrativo”, algo que, indicou, “fai que aínda que a policía ten moita importancia práctica non é estudada desde o punto de vista xurídico”. Sobre esta importancia práctica dos corpos de seguridade exemplificou para as e os asistentes como “en calquera situación fáctica chega un policía facer o seu traballo e nunca se sabe se a situación vai acabar nun proceso penal ou en sanción administrativa” e a elección dunha vía ou outra “vai depender moito do traballo da propia policía, que ten unha marxe de actuación enorme”. O mesmo, engadiu, acontece por exemplo en eidos como o urbanismo e o medio ambiente.

Durante a súa intervención, Ignacio Borrajo abordou o paradoxo de que a pesar de que “a policía é unha institución clave do estado e cunha enorme valoración social” desde o punto de vista académico non se lle dá a correspondente atención. Isto débese, apuntou, en parte a que se considera que o que fan "é pouco xurídico" e en parte a que non existen pautas previas. Debullando as causas desta situación, o experto repasou cas e cos asistentes as poucas referencias á policía que hai na lexislación en España, sinalando como na regulación penal aparecen case como “figuras auxiliares” dos considerados protagonistas do proceso penal, é dicir xuíces, fiscais e avogados, e como case non hai referencias na regulación administrativa.