DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Investigadores do campus de Ourense presentan un estudo sobre San Cibrao

O polígono empresarial máis grande de Galicia, cifra a cifra

Nel salientan as súas vantaxes en eidos como superficie ou diversificación

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Reitor
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 31/10/2018

4,8 millóns de metros cadrados de superficie; un grao de ocupación que supera o 88%; 432 empresas instaladas; 1406 millóns de euros de negocio; 8500 traballadores e traballadoras e unha alta confianza empresarial. Estas son algunhas das cifras recollidas no estudo sobre o Polígono de San Cibrao de Ourense realizado por un grupo de investigación da Universidade de Vigo liderado polo profesor Andrés Mazaira e cuxos primeiros resultados se deron a coñecer este mércores.

O acto de presentación de resultados, que tivo lugar na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Elías Mera, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, estando tamén Mª Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense; Manuel Pedro Fernández, alcalde do Concello de San Cibrao, e outros membros tanto da comunidade universitaria como principalmente da entidade empresarial que encargou o estudo. Na presentación Manuel Reigosa fixo fincapé en como esta iniciativa é unha mostra máis “da capacidade de investigación” que hai na Universidade e subliñou tanto o compromiso da institución académica co desenvolvemento do rural galego como da sociedade no seu conxunto. “Queremos ser socios en primeira fila de todo o que signifique facer país”, afirmou o reitor.

Salientando como con este estudo o empresariado ten “un formidable campo de datos” que lle permitirá traballar as súas potencialidades, Elías Mera subliñou como do traballo realizado se extrae como “o polígono é máis forte do que pensabamos, máis consistente do que sospeitabamos, máis innovador do que esperabamos e máis necesario do que  imaxinamos”. Pola súa banda, Manuel Baltar amosou o seu desexo que xorda sobre a análise dos datos recollidos “novas oportunidades para a asociación e para o polígono, que son novas oportunidades para a provincia”.

Os primeiros dos 40.000 datos recollidos

O traballo foi desenvolvido por investigadores e investigadoras do Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo co obxectivo de ser “un laboratorio personalizado de datos que permita dispor, desde unha perspectiva agregada, de información do Polígono de San Cibrao actualizada e coñecer a opinión, a actitude e a posición dos empresarios sobre cuestións estratéxicas”. Baseouse en datos secundarios, obtidos de fontes como o Parque Tecnolóxico de Galicia, o Concello de San Cibrao das Viñas, a propia asociación empresarial e os institutos oficiais de estatística, e sobre todo en datos primarios obtidos dunha enquisa realizada a empresas do polígono ourensán, enquisa na que participaron 338 empresas. Dos 40.000 datos recadados, Andrés Mazaira sinalou como o presentado este mércores é “unha primeira capa deles, unha primeira fotografía”.

Segundo explicou o coordinador do estudo durante a presentación, 432 empresas desenvolven a súa actividade no polígono empresarial ourensán, sendo neste eido o maior dos principais parques industriais galegos e o segundo entre os parques empresariais galegos. A cifra de negocio dos grupos empresariais presentes nel, detallou, facturaron en 2016 case 100.000 millóns de euros, ascendendo a cifra de negocio imputable ao Polígono de San Cibrao de 1406 millóns de euros segundo o estudo feito. Outros datos recollidos apuntan a que a antigüidade media das empresas é de 17 anos e que pertencen a 612 actividades, sendo a principal hospedaxe e reparacións (43,93%) e industria (23,82%), convivindo empresas de sectores tradicionais con sociedades da nova economía, como a aeronáutica. “A diversidade é unha das características clave do Polígono”, afirmou Mazaira durante a súa presentación, na que fixo fincapé nas vantaxes de contar cun polígono “diversificado, desconentrado, transversal e customizado” que conta ademais co Parque Tecnolóxico de Galicia.

A superficie total actual deste polígono, subliñouse na presentación, é de 4,8 millóns de metros cadrados, liderando o ránking galego, e cun grao de ocupación que supera o 88%. “A vantaxe neste parámetro do polo industrial ourensán é máis que significativa”, indícase no informe, no que se fala de 439 parcelas edificables e 388 edificadas neste enclave empresarial.

Recursos humanos

No eido dos recursos humanos o informe estima que no polígono  ourensán traballan 8500 traballadores e traballadoras. “As 7715 afiliacións alcanzadas a finais de setembro de 2018 no municipio de San Cibrao en termos de conta de cotización reflicten tanto o dinamismo desta área de actividade económica como o impacto que ten na súa contorna”, recolle o informe. Outros datos recollidos polas e polos investigadores indican que o emprego directo xerado polas empresas do polígono equivale ao 9,7% do emprego total da provincia de Ourense e ao 1% de Galicia, medrando incluso durante a crise económica. “A dimensión laboral do polígono queda perfectamente reflectida na taxa de cobertura”, sinálase no informe, que apunta que esta taxa de cobertura, tendo en conta a relación entre o emprego xerado e a poboación activa residente do Concello de San Cibrao, ascende ao 335,48%, situándose á cabeza de Galicia. O PIB per cápita do concello sitúase en 80.682 euros, multiplicando por catro o autonómico e o ourensán, segundo o estudo presentado este mércores.  

Dos datos recollidos na enquisa feita polas e polos investigadores ourensáns tamén se destacou como o 32,66% dos traballadores son mulleres e o 67,34% homes, sendo a porcentaxe de mulleres que ocupan postos directivos o 29,3% fronte ao 70,7 de homes. Ademais, o 5,8% dos traballadores e traballadoras de San Cibrao dedícanse a tarefas de I+D e a porcentaxe de empregados e empregadas con estudos superiores situaríase no 27,4%, segundo o documento presentado este mércores.

Transformación dixital e confianza empresarial

Sobre a transformación dixital tamén analizada no informe, as e os investigadores do campus de Ourense destacan datos como que o 81,7% das empresas posúen páxina web. “A importancia que as empresas do polígono outorgan á realidade imposta polos cambios da transformación dixital obsérvase tamén no ámbito da selección e organización dos seus recursos humanos”, apuntan as e os autores do traballo. Así, detallan, o 72% valora as habilidades dixitais dos candidatos nos procesos de selección de persoal e a metade das compañías posúen un responsable específico de transformación dixital. En canto á incorporación da dixitalización, o informe sinala que o 51% das compañías recibe ordes de compra a través de Internet mediante unha ferramenta ou proceso específico e que o 55,2% comparte de forma automática información con clientes e provedores.

Por último, no apartado de confianza empresarial, os datos apuntan a que “case un de cada dous empresarios consideran que o 2017 foi un exercicio favorable para os seus negocios superando incluso as expectativas”, sendo as cifras 48,23 % favorable, 44,68% neutro e 7,09% desfavorable. Este índice de confianza do empresariado increméntase para o ano 2018 segundo os datos recollidos, sendo 47,86% favorable, 47,86% neutro e 4,29% desfavorable.